A ría de Pontevedra, escenario dun simulacro de colisión dun buque de pasaxe

Marín
25 de xuño 2026

O obxectivo deste tipo de simulacros é reducir ao mínimo os efectos dunha emerxencia, especialmente no que respecta a salvar vidas e minimizar impactos ambientais

Simulacro de colisión dun buque de pasaxe na ría de Pontevedra Autoridad Portuaria de Marín

Un simulacro de colisión dun buque de pasaxe na ría de Pontevedra puxo este xoves a proba os medios de emerxencia que coordina a Autoridade Portuaria de Marín.

No exercicio, que se executou en augas próximas á illa de Tambo, ademais da resposta á propia colisión, probouse o protocolo de evacuación dun ferido.

O simulacro consistiu na colisión dunha embarcación de pasaxe cun obxecto que se atopaba entre augas a media milla ao sur do faro de Teno Chico.

Entre os 25 supostos pasaxeiros, había dous feridos, un leve que requiría evacuación en padiola por mar e outro pasaxeiro que necesitaba evacuación aérea.

Debido á colisión producíase unha vía de auga e, ante o risco de afundimento había que tomar medidas para a protección dos 23 pasaxeiros restantes con auxilio dun remolcador e bombas de achique.

Simulacro de colisión dun buque de pasaxe na ría de PontevedraAutoridade Portuaria de Marín

O obxectivo deste tipo de simulacros é reducir ao mínimo os efectos dunha emerxencia, especialmente no que respecta a salvar vidas, minimizar impactos ambientais e manter as operacións do recinto portuario.

No simulacro participaron Gardacostas de Galicia co helicóptero Pesca 1, o buque Irmáns García Nodal de Salvamento Marítimo e a súa embarcación auxiliar de rescate rápido, a patrulleira Mar de Galicia, o 112 Galicia ou a Capitanía Marítima de Vigo

A eles sumáronse o Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Vigo, a Salvamar Mirach con base en Cangas e a Autoridade Portuaria, a navieira Mar de Ons coa embarcación Mar Sálvora e dous remolcadores da asociación Amase Marín.

Tamén colaboraron diferentes forzas e corpos de seguridade do Estado, entre elas o servizo marítimo e o servizo de resgardo da Garda Civil.

O plan de emerxencia interior e de autoprotección do porto é fundamental, segundo a Autoridade Portuaria, para a actuación coordinada e eficaz de todos os axentes que interveñen ante un sinistro destas características.