Sen incorporacións pero tamén sen sorpresas negativas.
As Rías Baixas manteñen todas as súas Estrelas Michelín para o ano 2026.
Así se confirmou na gala celebrada este martes en Málaga pola Guía Michelín, na que se entregaron novos distintivos de calidade.
No caso de Pontevedra, Culler de Pau (O Grove) e Pepe Vieira (Raxó), mantéñense con dúas estrelas como únicos representantes galegos nesta categoría xunto a Retiro da Costiña, en Santa Comba.
Cun distintivo pola súa banda mantéñense nesta selecta guía Casa Solla (Poio), O Eirado (Pontevedra), Yayo Daporta (Cambados), Silabario (Vigo) e Maruja Limón (Vigo).
Vértigo (Sober) e Miguel González (Ourense), que recupera Estrela para o seu novo proxecto tras pechar o seu restaurante en Pereiro de Aguiar, son as novidades galegas na lista.
Cabe destacar ademais que tanto Culler de Pau como Pepe Vieira renovaron a súa Estrela Verde, destinadas a aqueles restaurantes que apostan pola sustentabilidade.
Son só 59 os restaurantes en toda España os que contan con este distintivo, entre os que se atopan tamén os galegos O Balado (Boqueixón) e O Secadeiro (Serra de Outes).