Rueda ve "bastante absurdas" as explicacións de Ponte Caldelas sobre o peche do CIM

Ponte Caldelas
04 de xaneiro 2017

O vicepresidente da Xunta pregunta aos máximos responsables do PSOE e BNG, partidos integrados no tripartito que goberna o municipio, pola súa postura en relación con esta situación. Dirixe a súa pregunta en específico á portavoz nacional nacionalista, Ana Pontón, e á presidenta socialista da Deputación Provincial, Carmela Silva

Visita de Alfonso Rueda ao CIM da Lama
Visita de Alfonso Rueda ao CIM da Lama / Xunta de Galicia

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou este mércores o Centro de Información á Muller (CIM) que comparten os municipios da Lama, Fornelos de Montes e Cerdedo-Cotobade para recoñecer e dar coñecer o traballo do servizo e das súas dúas traballadoras e, de paso, aproveitou para manifestar a súa contrariedade coa decisión de Ponte Caldelas de pechar as súas instalacións a cambio de contar co servizo dunha avogada especializada en violencia de xénero. 

Rueda considera que as explicacións achegadas polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, para o cesamento da actividade son "bastante absurdas" e "non se sosteñen" e pregunta aos máximos responsables do PSOE e BNG, partidos integrados no tripartito que goberna o municipio, pola súa postura en relación con esta situación. Dirixe a súa pregunta en específico á portavoz nacional nacionalista, Ana Pontón, e á presidenta socialista da Deputación Provincial, Carmela Silva.

Segundo indicou en declaracións aos medios na Lama, quere saber se a Pontón e Silva "lles parece normal" o peche e "lles parece que non merece ningún comentario", pois ningún dos dous partidos realizou valoracións sobre o particular mentres apoian un goberno municipal que permite que "as mulleres queden desasistidas".

Rueda lembra que a Xunta de Galicia leva anos achegando fondos para o CIM de Ponte Caldelas e que recibe a mesma axuda que outros centros que funcionan perfectamente, de modo que lle pide ao alcalde que explique que lle levou a tomar unha decisión que "non ten explicación lóxica" e que, para el "queda claro que foi por motivación política".

Ademais, insiste en que "que esta decisión se tome cando se coñece un repunte das mortes de violencia machista é inexplicable". 

O vicepresidente defende que este tipo de centros son unha "axuda fundamental" para as mulleres vítimas de violencia de xénero e considera que "se entende moi mal" que haxa concellos que opten por pechalos e que entendan que é mellor que unha soa avogada atenda ás vítimas un día á semana que a existencia dunha psicóloga e un letrada cinco días á semana como ocorre nos CIM.