Sanidade porá en servizo de xeito inmediato unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue que percorrerá a comarca de Pontevedra para facilitar que os veciños da zona poidan doar sangue dun xeito máis cómodo.
O conselleiro Jesús Vázquez Almuíña presentou este martes esta nova incorporación ao parque móbil da axencia. Esta unidade, xunto á que se adquiriu para Santiago, supuxo un investimento de 561.440 euros.
Os novos vehículos dispoñen de subministro eléctrico autónomo e sistema de climatización, así como a máis moderna tecnoloxía que garanta a máxima seguridade e confort para que os cidadáns poidan realizar a súa doazón de sangue.
Neste sentido, o titular de Sanidade destacou que se reforzaron todos os equipamentos de seguridade, tanto activa como pasiva, que se poden ofrecer na actualidade, así como importantes melloras relativas á climatización e insonorización do interior da unidade móbil, co obxectivo de garantir a máxima comodidade.
Así mesmo, as unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, cunhas dimensións de 12,2 metros de lonxitude e 3,4 metros de altura, estarán divididas en tres espazos: unha área de recoñecemento médico, unha sala de doazón con capacidade para catro padiolas e unha área de refrixerio.
As dúas unidades móbiles teñen sido rotuladas exteriormente dun xeito totalmente innovador polo que, por si mesmas, convidan aos cidadáns a participar activamente nas campañas de doazón de sangue e, tal e como sinala o lema da campaña de ADOS, Súmate ao noso equipo.
Na actualidade, segundo os datos de Sanidade, case o 86% das preto de 109.000 doazóns de sangue que se recollen anualmente en Galicia rexístranse neste tipo de vehículos.