Sanidade impón restricións a Marín ante o incremento de casos de COVID-19

Marín
16 de setembro 2020

Son xa catro os municipios da área sanitaria de Pontevedra que foron declarados zonas de especial restrición pola COVID-19. Tras Pontevedra, Poio e Vilaboa, Sanidade incluíu tamén nesta lista a Marín, onde os casos activos superan o medio centenar

Avenida de Ourense, Marín
Avenida de Ourense, Marín / Mónica Patxot

Son xa catro os municipios da área sanitaria de Pontevedra que foron declarados zonas de especial restrición pola COVID-19. Tras Pontevedra, Poio e Vilaboa, Sanidade incluíu tamén nesta lista a Marín, onde os casos activos superan o medio centenar.

Así o decidiu o comité clínico que asesora á Xunta en materia de prevención do coronavirus, ante o incremento da incidencia da pandemia. Estas restricións, que tamén afectan a Silleda, están pensadas para frear o índice de contagios entre a poboación.

Xa o pasado luns, Marín participara na reunión telemática que as autoridades sanitarias mantiveron con Pontevedra, Poio e Vilaboa para analizar a súa evolución, polo que a súa incorporación a estas zonas con restricións especiais non é unha sorpresa.

Os máis de cincuenta casos que había o luns, recoñecen desde o Concello, creceron desde entón. A cifra actualizada será analizada na reunión fixada para este xoves entre Sanidade e os catro municipios da área que comparten esta mala evolución da pandemia.

As restricións que se impuxeron a Marín entrarán en vigor a partir de mañá.

Así, limitarase o aforo do comercio e da hostalería ao 50%, non estarán permitidas as reunións sociais de máis de dez persoas e restrínxese a asistencia a eventos como vodas ou velorios, cun máximo de 100 e 25 persoas respectivamente.

Tamén haberá aforo limitado na biblioteca municipal, academias, autoescolas ou centros privados de ensinos non regrados.

A este respecto, desde o Concello de Marín rogan aos seus habitantes que cumpran estas medidas de maneira estrita, xunto coa obrigada distancia de seguridade, o uso obrigatorio da máscara e o lavado frecuente de mans con xeles hidroalcohólicos.

Ademais, o goberno municipal lembra a obrigatoriedade de gardar corentena no caso de dar positivo por COVID-19 e recomenda que aos colexios só acompañen aos nenos un único adulto, para reducir os riscos de contaxio.