Sanidade investirá preto de 700.000 euros en equipar a futura área de esterilización do Hospital do Salnés

O Salnés
01 de xuño 2022

A nova área de esterilización do Hospital do Salnés emprazarase nun andar inferior e na vertical do actual bloque cirúrxico, con comunicación directa mediante senllos ascensores

Hospital do Salnés Cristina Saiz

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde veñen de publicar a licitación do equipamento para a futura nova área de Esterilización do Hospital do Salnés, cun investimento de 692.362 euros.

A obra deste proxecto adxudicouse á empresa Actividades de Infraestructuras Públicas y Conservación SL cun investimento global de 743.986 euros e contempla a construcción dunha nova unidade de Esterilización.

Esta unidade vai permitir duplicar a superficie actual adicada a estes procesos médicos e á adaptación da capacidade do bloque cirúrxico do hospital arousán tras a súa anterior ampliación de espazos e carteira de servizos.

Dita obra e o equipamento financiaránse co Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 con fondos React-UE coma parte da resposta da Unión Europea á pandemia de COVID-19. 

Esta nova central de esterilización vai prestar servizo ao novo bloque cirúrxico así coma ao resto de unidades asistenciais que así o requiran grazas á súa maior capacidade operativa, que permita procesar todo o instrumental, equipamento e accesorios cirúrxicos considerando a proxección de actividade futura do bloque cirúrxico do Hospital.

Emprazarase nun andar inferior e na vertical do actual bloque cirúrxico, con comunicación directa mediante senllos ascensores.