Sanxenxo amosa en Fitur as súas bazas para ofrecer "365 días diferentes"

Sanxenxo
24 de xaneiro 2024

Seguir crecendo en tempada baixa como destino turístico é o obxectivo co que Sanxenxo acode este ano a Fitur, a feira internacional de turismo que se está celebrando en Madrid. Faino, por cuarto ano consecutivo, cun mostrador propio dentro da caseta de Turismo de Galicia

Stand de Sanxenxo en Fitur
Stand de Sanxenxo en Fitur / Concello de Sanxenxo

Seguir crecendo en tempada baixa como destino turístico é o obxectivo co que Sanxenxo acode este ano a Fitur, a feira internacional de turismo que se está celebrando en Madrid.

Faino, por cuarto ano consecutivo, cun mostrador propio dentro da caseta de Turismo de Galicia desde onde se reparte o material promocional de destino e dáse a coñecer as bazas do municipio para atraer aos visitantes durante os 365 días do ano.

A fotografía da praia de Canelas na que se aprecia o areal no seu estado natural e a beleza da ría de Pontevedra é a imaxe que preside a caseta de Sanxenxo nesta edición.

Alí entréganse aos público folletos promocionais do destino sobre praias, patrimonio, paisaxes e náutica, xunto ao novo rueiro pregable co código QR á web turística de Sanxenxo.

Á entrada do pavillón, dous tótems serven de escaparate para mostrar a variada oferta de Sanxenxo baixo o slogan "Sanxenxo 365 días diferentes". 

Nas imaxes pódese ver o roteiro de sendeirismo de Dorrón, que evoca a paisaxe verde; unha parella de flamencos na lagoa de Rouxique en Vilalonga, como potencia do turismo ornitolóxico; dous pescadores entre Punta Corveiro e Punta Faxilda, mostrando as posibilidades deportivas e paisaxísticas; ou unha muller nun spa, en materia de turismo de saúde e benestar

Ademais, aparecen aparellos no porto de Portonovo, que reflicten a riqueza gastronómica e a actividade pesqueira; a regata do campionato de Europa da clase 6 metros, como símbolo dos deportes náuticos; vistas do Paseo de Silgar iluminado, como referente comercial;e a capela da Lanzada, icona do patrimonio de Sanxenxo.

Para presentar os atractivos de Sanxenxo, viaxaron a Fitur a primeira tenente alcalde de Sanxenxo, María Deza, xunto ao concelleiro de Turismo, Juan Deza, que mantiveron unha intensa mañá de traballo con distintas reunións co sector.