Sanxenxo combate o frío nos edificios municipais

Sanxenxo
26 de decembro 2017

O goberno municipal de Sanxenxo decidiu poñer fin ao frío que se rexistraba en diferentes dependencias. Así, o Concello investiu preto de 20.000 euros para instalar sistemas de climatización e calefacción en varios dos seus edificios

Telmo Martín cos traballadores dos Servizos Sociais de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

O goberno municipal de Sanxenxo decidiu poñer fin ao frío que se rexistraba en diferentes dependencias. Así, o Concello investiu preto de 20.000 euros para instalar sistemas de climatización e calefacción en varios dos seus edificios.

O investimento máis grande fíxose no edificio de Servizos Sociais. Ata o momento o único sistema de calefacción existente nese edificio eran uns acumuladores eléctricos que non mantiñan unha temperatura agradable debido á súa antigüidade e continuos fallos.

Ademais, o uso destes acumuladores supoñía un gasto económico moi elevado.

Na fachada de entrada hai unha marquesiña que actúa como colchón térmico entre o interior e o exterior, o que fai que inflúa nas altas temperaturas que se acumulan dentro. Non hai tampouco ningunha apertura para a circulación do aire, o que provoca un efecto illante.

En tempada estival e durante o inverno rexístranse temperaturas moi elevadas e moi baixas no interior do edificio, o que resulta insalubre tanto para os traballadores como para os usuarios dos servizos que se prestan alí. 

Optouse, por tanto, pola instalación dun sistema de climatización, non só por ser o máis axeitado desde o punto de vista das condicións ambientais no interior do edificio, senón tamén desde o punto de vista do consumo e a eficiencia enerxética.

Ademais deste sistema de climatización, para combater o frío en varios edificios públicos instaláronse radiadores de calor azul. Colocáronse nas oficinas de Medio Ambiente, en Vilalonga, na casa de cultura de Bordóns e na casa de cultura de Dorrón.