Un total de trinta traballadores reforzarán o persoal municipal de Sanxenxo durante os dous próximos meses, a través do novo plan de emprego posto en marcha pola Deputación.
O ente provincial achega 58.390,80 euros, que se destinarán a sufragar os gastos derivados da incorporación ao persoal municipal de 5 administrativos, 7 peóns forestais, 6 agrícolas, 6 para xardinería e outros 6 de obras públicas en xeral que desempeñarán o seu traballo durante os meses de novembro e decembro en xornadas de 35 horas semanais.
Para proceder á selección de persoal, o Concello de Sanxenxo cursou xa a solicitude ante o Servizo Público de Emprego de Galicia, que será quen cite aos demandantes para unha primeira entrevista de traballo nas dependencias municipais.
O goberno municipal destaca que estas contratacións permitiranlles reforzar servizos de interese xeral e social que presta ao público en xeral en réxime de administración directa no ámbito municipal, tanto aos veciños como a visitantes e mellorar a coordinación dos servizos en períodos de vacacións do persoal.
Os traballadores que se beneficien destes contratos deberán ser persoas desempregadas, que non reciban ningunha prestación ou en caso de facelo que sexa destinada a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para traballar.
Entre as diferentes tarefas previstas para os peóns que se incorporarán ao persoal durante os dous últimos meses do ano cabe destacar a realización de obras menores en edificios e espazos públicos, organización do almacén municipal, conservación de beirarrúas, mantemento das rutas de sendeirismo, eliminación de posibles verteduras incontroladas, vixilancia na recollida selectiva, conservación de parques e xardíns e tamén a limpeza das praias.
E é que Sanxenxo destina persoal ao mantemento das praias tamén no inverno e durante estes dous meses, ademais das tarefas de limpeza, o reforzo do persoal permitirá acometer traballos de mantemento nas dunas de Portonovo e A Lanzada, eliminación de cascallos e mantemento dos paseos marítimos existentes.