Cun investimento de 1.489.996 euros quérese poñer en marcha o proxecto 'Sanxenxo e O Grove: polos turísticos intelixentes', unha iniciativa promovida pola Mancomunidade do Salnés e co apoio de Red.es, entidade dependente do Ministerio de Economía.
Este venres, Telmo Martín e José Antonio Cacabelos, alcaldes de Sanxenxo e O Grove, explicaban nas instalacións do Real Club Náutico de Sanxenxo as directrices que queren poñer en marcha neste proxecto para que nos meses de verán de 2022, ambos os municipios sexan considerados destinos de turismo intelixente.
A proposta contempla un coñecemento dos visitantes que se achegan a estas dúas vilas a través dunha plataforma que almacenará datos sobre consumo de auga e sobre actividade dos móbiles para, desta forma, levar a cabo controis de capacidade de espazos en praias ou do número de vehículos nos aparcadoiros.
Estes datos serán trasladados á cidadanía a través de aplicacións móbiles, unha páxina web e pantallas informativas, á vez que permitirán mellorar a mobilidade urbana e o acceso a ambas as localidades. Tamén se contempla un reforzo da seguridade a través de sistemas de videovixilancia e unha fórmula de alugueiro de bicicletas para aquelas persoas que estean interesadas en realizar percorridos nas contornas de Sanxenxo e O Grove.
Este proxecto sae agora a concurso para que as empresas presenten as súas ofertas co obxectivo de que, nun prazo máximo de dous anos, poida estar en pleno funcionamento con propostas tanto dixitais como ambientais que unan aos dous municipios cunha mellor oferta para o turismo.