Turismo de Sanxenxo ten en marcha dúas iniciativas pensadas para facer máis levadío o confinamento nos fogares dirixidas, por unha banda, aos máis pequenos da casa; e por outro, aos amantes da fotografía.
A primeira delas, titulada Debuxa Sanxenxo, consiste en animar aos participantes para plasmar nun papel o que máis lles gusta de Sanxenxo, o seu mellor recordo do municipio ou o primeiro lugar ao que volverán xunto co arcoiris da campaña #TodoEstoPasará e o envíen escaneado ou fotografado co seu nome, apelidos e idade ao correo electrónico [email protected]. Xa recibiron ao redor de 25 debuxos e algúns deles están publicados na páxina de Facebook de Turismo de Sanxenxo e cando se volva a abrir a oficina pasarán a formar parte da decoración.
Baixo o nome de Volveremos a Sanxenxo, no certame de fotografía participaron xa outras 25 persoas e algunhas das fotos pertencen a persoas de Bilbao, León, Asturias, Madrid, Negreira, Pontevedra e, por suposto, de Sanxenxo. O obxectivo do concurso é compartir experiencias vividas na vila turística co hashtag #VolveremosASanxenxo. Para participar deberán mandar unha mensaxe directa a Turismo de Sanxenxo co seu nome completo, dirección postal e número de teléfono.
O autor da fotografía elixida polo xurado recibirá un bono degustación para dúas persoas nun restaurante de Sanxenxo. Mentres que a foto que máis me gustas obteña en redes sociais obterá tamén o mesmo premio. O prazo do concurso para subir fotografías prorrógase ata o 9 de maio.
Doutra banda, o goberno local fixo público este martes que a Escola de Música Municipal manterá o modelo de ensino virtual implantado de forma forzosa durante o estado de alarma incorporarase ao modelo educativo da escola o próximo curso e compaxinarano co sistema presencial tradicional.
O director da Escola de Música, Benjamín Dorado, prefire ver o lado positivo deste confinamento e aprender novos sistemas que conecten cos seus alumnos. “Moitos dos alumnos envíannos as grabacións cos seus traballos e iso obrígaos a escoitarse e elexir a mellor versión. É algo que por moito que nós lle recalcaramos na clase non ou facían. Iso é moi positivo para que vexan onde poden mellorar porque estanse a escoitar. Ademáis, resúltalles divertido e ameno”, apunta.