Sanxenxo quere instalar en Dorrón o primeiro composteiro comunitario do municipio

Sanxenxo
18 de decembro 2015

O goberno municipal de Sanxenxo elixiu a parroquia de Dorrón como o posible primeiro destino dos composteiros comunitarios que se buscan instalar no municipio, da man da Deputación de Pontevedra

Composteiro Deputación de Pontevedra

O goberno municipal de Sanxenxo elixiu a parroquia de Dorrón como o posible primeiro destino dos composteiros comunitarios que se buscan instalar no municipio, da man da Deputación de Pontevedra.

Así llo trasladará a concelleira de Medio Ambiente, Coral González Haba, aos veciños nunha reunión informativa que terá lugar o vindeiro luns ás 20.30 horas na Casa de Cultura.

Trátase da primeira reunión que se convoca por este tema, xa que a súa sustentabilidade depende directamente da implicación dos colectivos veciñais con este proxecto.

Tanto a concelleira como a técnica de Medio Ambiente que acudirá á reunión explicarán que a compostaxe é o proceso de transformación da materia orgánica para obter compost, un fertilizante natural que logo sería distribuído entre os veciños que o necesitasen.

Esta transformación lévase a cabo en calquera casa ou zona comunitaria mediante un composteiro, sen ningún tipo de mecanismo, motor nin gasto de mantemento. Non esixe máis que a implicación e, en tempo, dez minutos á semana. De cada quilo orgánico obtéñense 20 ou 25 quilos de compost.

Entre as vantaxes que expoñerán aos veciños está o aforro en fertilizantes e na recollida de lixo, xa que se estima que entre o 40 e o 50% dunha bolsa de lixo doméstico está formada por residuos orgánicos.

Aducirán tamén que a compostaxe contribúe a reducir a contaminación xa que canto máis preto se aproveiten os residuos orgánicos máis se reducirá o consumo de combustibles para o transporte, haberá menos acumulación de residuos en vertedoiros e contribuirase a unha redución notable de substancias tóxicas e gases nocivos.