Sanxenxo recuperará o leito natural do río Sear, en Dorrón

Sanxenxo
26 de outubro 2020

A intervención servirá para mellorar o firme e a seguridade viaria do camiño municipal que transcorre sobre o curso fluvial

Sanxenxo reformará o leito do río Sear Concello de Sanxenxo

Recuperar o leito do río Sear e restaurar o cruzamento do camiño municipal que atravesa son dous dos obxectivos da obra que o Concello de Sanxenxo acometerá antes de que conclúa o ano en Dorrón. Uns traballos que roldarán os 30.000 euros e que acabarán coas inundacións provocadas polos desbordamentos periódicos do río.

Os traballos contemplan a retirada dunha tubaxe duns 100 metros de longo e retomar o leito natural do río. Os problemas coa actual canalización provocaron afundimentos en parte do cruzamento que atravesa o río xerando un importante problema de seguridade viaria na contorna.

O goberno local quere recuperar unha zona que se inclúe dentro dun itinerario peonil de gran beleza paisaxística e potenciar os recursos naturais do municipio, aumentando a calidade do servizo e a comodidade dos usuarios.