Se fala moito do pobo xitano, pero se lle escoita moi pouco. E cando se fai, case nunca é desde o recoñecemento. Se esquece que sen a súa presenza, palabras tan cotiás como chaval, molar ou currar non existirían. Que sen a súa alma, non existiría o flamenco tal e como o coñecemos. Que moitos dos oficios tradicionais —da forxa ao comercio ambulante— tiveron na comunidade xitana un piar esencial durante séculos. E que tamén sufriron o Holocausto, foron represaliados durante o franquismo e aínda hoxe levan apelidos que moitas veces lles pechan portas antes sequera de presentarse.
E malia todo, aquí seguen. Educando, creando, loitando. Derrubando muros invisibles e construíndo espazos reais de encontro, palabra e dignidade. Porque o pobo xitano non é unha historia do pasado, senón unha presenza viva e activa, con voz propia e mirada de futuro. Recoñecelo non é só un acto de xustiza: é unha forma de comprender mellor quen somos como sociedade.
Falamos con Rebeca Florez e Begoña Núñez, traballadoras da Fundación Secretariado Xitano, con elas achegámonos ao traballo cotián dunha entidade que non só combate prexuízos, senón que acompaña procesos de vida, defende dereitos e constrúe futuro dende a raíz.
- Mañá abrides unha nova sede en Pontevedra. Que significa este paso para vós? É só un cambio de local… ou algo máis?
(B) Non é un simple cambio de local, é un cambio simbólico moi importante. Deixamos atrás un espazo no que traballamos moitos anos, 24 anos na Casa Azul, e iso sempre xera incerteza. Hai moita carga emocional asociada a ese lugar, moitas historias compartidas, moitos recordos. Pero tamén é un cambio estratéxico: esta nova sede vainos permitir facer moitas máis actividades e con máis calidade. É un paso adiante.
- Cales foron os retos —logísticos, emocionais ou políticos— de conseguir un espazo novo para a Fundación?
A nivel loxístico, pensouse nunha localización adecuada, accesibilidade para os participantes e a funcionalidade da nova sede. Precisábamos un espazo adaptado para o tipo de actividades que realizamos (salas para talleres, despachos, zonas de atención ao público…).
Una apertura local supón coordinar e xestionar todo tipo de tarefas: permisos, licenzas, obras, xestionar mudanzas, instalacións técnicas, e posta en marcha sen interromper a actividade habitual.
A nivel persoal é unha etapa de cambios, a apertura dunha nova sede leva moitísimo traballo detrás, é un desgaste importante que se suma ás tarefas que xa facemos cada día. Pero mereceu a pena, porque agora temos un espazo máis digno, máis funcional e máis aberto á comunidade.
- Se a nova sede tivese que ter un lema na porta, unha frase que resumise o que queredes construír dentro… cal sería?
(R) Eu poríalle algo como: "Coñéceme antes de xulgarme". Porque moitas veces os prexuízos nacen do descoñecemento, e aquí intentamos xerar un espazo onde calquera persoa, sexa da comunidade xitana ou non, se sinta na súa casa. Iso é o que máis nos din: que cando chegan, teñen a sensación de estar no seu fogar. E iso é o que buscamos.
- Como cambia o voso traballo diario cun espazo mellor adaptado? En que se vai notar para as persoas usuarias?
(R) Vaise notar moitísimo. O novo local permítenos facer actividades máis variadas e con máis calidade. Temos aulas, recursos, máis accesibilidade. E iso tradúcese directamente nun mellor acompañamento ás persoas. Ao final, o espazo tamén comunica, e queremos que as persoas que veñen aquí sintan respecto, confianza e apoio desde o minuto un.
- Que tipo de actividades, programas ou acompañamentos desenvolvedes actualmente desde a sede de Pontevedra?
(B) Programas para crear itinerarios personalizados de emprego, en Competencias Dixitais... Desenvolvemos proxectos en tres ámbitos fundamentais: educativo, laboral e social-sanitario. Acompañamos a moitas persoas en procesos longos e complexos. Desde axudalas a conseguir o título da ESO, ata orientación laboral, formación ou incluso xestión de trámites administrativos. E tamén temos proxectos educativos con voluntariado, desde primaria ata secundaria.
- Hai algunha historia recente, ou alguén concreto, que para ti simbolice por que paga a pena todo este esforzo?
(R) Temos moitos casos de éxito que nos fan inmensamente felices. Persoas que titularon cando parecía imposible, que conseguiron rematar un ciclo formativo, ou que accederon a un emprego. Algúns, malia que nas entrevistas de traballo levar apelidos como "Jiménez" lles supuxo partir con desvantaxe. Pero conseguilo… cambia vidas. E ver iso é o mellor que nos pode pasar.
- Aínda queda moito prexuízo cara á comunidade xitana. Cres que Pontevedra é unha cidade que escoita e aprende… ou queda camiño por andar?
(R) Pontevedra é unha cidade aberta e diversa, onde a convivencia e o respecto son valores moi presentes. Non obstante, aínda se dan situacións que resultan difíciles de asumir.
Por exemplo, atopar empresas dispostas a colaborar nas prácticas non laborais pode converterse nun proceso complexo, especialmente cando se trata de persoas pertencentes a colectivos tradicionalmente excluídos. No ámbito do emprego, os currículos con apelidos xitanos seguen sendo, en ocasións, motivo de discriminación, o que evidencia que persisten prexuízos que condicionan o acceso igualitario ás oportunidades.
- Cales son as prioridades máis urxentes para mellorar a igualdade de oportunidades da poboación xitana na nosa contorna?
(B) Necesitamos respostas institucionais e xurídicas firmes ante os casos de discriminación e o discurso de odio. A discriminación segue existindo, e ás veces é moi sutil. Tamén reivindicamos que os medios de comunicación eviten o tratamento sesgado e estereotipado de contidos relativos ao pobo xitano. E a nivel de autoridades educativas, centros escolares, editoriais e membros da comunidade educativa, un compromiso firme para a incorporación efectiva da historia e cultura xitana no currículo educativo. En Galicia avanzamos neste campo, xa que elaborouse co asesoramento do noso persoal, as unidades didácticas de Historia del Pueblo Gitano que xa están a disposición do profesorado de Galicia.

- Que cres que aporta a Fundación Secretariado Gitano que non aportan outras entidades sociais?
(B) Traballamos dunha forma integral: non só acompañamos para cubrir necesidades básicas, senón que traballamos desde a confianza, o respecto e o coñecemento profundo da realidade xitana. Prestamos servizos dende a atención social, ata orientación laboral, pasando por formación ocupacional, reforzo educativos para menores, asesoramento en temas de vivenda, saúde, discriminación e incluso, sobre igualdade. Non somos unha entidade asistencialista: traballamos pola transformación social.
- E a ti, que é o que máis te move a seguir cada día? Onde atopas a forza cando o traballo pesa?
(R) Pois mira, eu comecei aquí como voluntaria. E hoxe estou contratada como traballadora da Fundación. Iso di moito. Isto é máis que un traballo, é un lugar onde ves que podes cambiar cousas, acompañar procesos que marcan un antes e un despois na vida das persoas. E cando ves eses pequenos logros, esas portas que se abren… aí é onde atopas a forza, sempre.