Senadores do PP piden o "mesmo esforzo investidor" no Corredor Atlántico que no Mediterráneo

Pontevedra
05 de novembro 2020

Pilar Rojo considera que a "brecha" entre ambos os corredores é "evidente" ao ver as contas para o próximo ano, onde se reservan 367 millóns de euros para o proxecto do Mediterráneo e 68 millóns para o Atlántico. "É un agravio que vai contra a competitividade de todo o noroeste peninsular nun momento especialmente delicado", denunciou

Comparececia de deputados e senadores do PP Mónica Patxot

Os tres senadores do Partido Popular por Pontevedra, Pilar Rojo, Javier Guerra e Elena Muñoz, esixiron ao Goberno que realice o "mesmo esforzo investidor" para impulsar o Corredor Atlántico de mercadorías como o que fai co Mediterráneo.

Ante a cámara alta, demandaron que o Executivo de Pedro Sánchez inclúa nos orzamentos xerais do Estado para 2021 unha partida "suficiente" para abordar as infraestruturas previstas neste proxecto.

Pilar Rojo considera que a "brecha" entre ambos os corredores é "evidente" ao ver as contas para o próximo ano, onde se reservan 367 millóns de euros para o proxecto do Mediterráneo e 68 millóns para o Atlántico.

"É un agravio que vai contra a competitividade de todo o noroeste peninsular nun momento especialmente delicado", denunciou Rojo.

A senadora lamenta ademais que o Ministerio de Transportes anunciase investimentos duns 7.000 millóns de euros con cargo aos fondos europeos para impulsar o corredor do Mediterráneo "e para o Atlántico nada se sabe".

Os populares entenden que neste momento Galicia "xógase o seu futuro económico" e consideran que a comunidade "non pode perder competitividade" nas conexións dos seus portos co interior do Estado español e co resto de Europa.

Rojo defendeu que o Corredor Atlántico, xunto á conexión ferroviaria do porto de Vigo e ou o acceso ferroviario do porto de Langosteira "teñen a oportunidade única" de ser financiados cos fondos europeos e, segundo advertiu, "non podemos perder ese tren".