A previsión do Concello de Soutomaior é que no ano 2026 se licite a construción dunha rotonda no barrio da Feira, primeira fase do ambicioso proxecto de renovación da Avenida Castelao.
O alcalde, Manu Lourenzo, anunciou que esta actuación suporá a conversión do actual tramo, marcado polo deterioro e o carácter interurbano, nun corredor verde dotado de alumeado, beirarrúas e zonas axardinadas.
Segundo Lourenzo, o proxecto está xa en fase de redacción, paso imprescindible para a súa próxima licitación.
Ademais de mellorar o fluxo do tráfico cara ao núcleo de Arcade, a obra pretende pacificar a circulación e potenciar o tránsito peonil, integrando criterios de sustentabilidade e humanización do espazo urbano.
A segunda fase do plan abranguerá a transformación da saída norte e da travesía.
O rexedor sinalou que a iniciativa foi posible tras dous anos de traballo conxunto co Ministerio e agradeceu especialmente á senadora do BNG, Carme da Silva, o seu apoio ao proxecto.
O obxectivo, subliñou Lourenzo, é avanzar cara a unha rúa máis segura, accesible e atractiva, mellorando a convivencia entre persoas e vehículos, reducindo accidentes e favorecendo o paso dos peregrinos do Camiño de Santiago.