Hai xente que abre locais e hai xente que abre lugares. Se Pontevedra fose unha mesa grande, desas onde sempre cabe alguén máis, Marta tería a chave. Porque o de A Gramola, Pintxo Viño e El Carallo 29 xa non vai de locais: vai de punto de encontro, de ese sitio ao que vas cando queres ver caras coñecidas, cando precisas un plan sen complicarte a vida, ou cando che apetece sentir que estás na túa cidade de verdade. Marta FAI Pontevedra.
E é que aí non manda só o espazo: manda a xente. Sergio, Aarón, Nuria… o equipo que fai que todo flúa e que, sen darte conta, che saia un "que gusto dá vir aquí". Os seus nomes, literalmente, son CASA para os que os queremos ben: casa de verdade, desa de entrar e soltar o aire, desa de sentirte parte. E cando un sitio consegue iso, xa non é un sitio, é Pontevedra latexando.
- Dime unha pregunta que non che gusta que che fagan.
Creo que ningunha. ¡Falo de todo!
- Como é a túa relación con Pontevedra?
De nacemento e absolutamente decidida aínda coa lousa enriba da falta de oportunidades que ás veces se nota.
- Como te definirías?
Son unha persoa traballadora, resiliente e á que lle gusta deixar pegada.
- Con que xeración te identificas máis: baby-boom, X ou millenial?
Pois pertenzo á xeración X pero sempre me gustou máis a xeración anterior á miña, a do baby-boom. Gustaríame ter nacido nos 60. Non tiveron a tecnoloxía que nós si tivemos pero había máis contacto social, máis calma...
- Que características ten a túa xeración, a X?
Non tivemos a tecnoloxía dende pequenos pero tampouco nos subimos tarde a ese tren. Navegamos entre dúas xeracións moi distintas e creo que temos o mellor de ambas (risas).
- Os teus bares caracterízanse por ser espazos moi diversos en canto a idades. Era algo que tiñas claro dende o principio?
Si, totalmente. Para min era fundamental que os meus bares fosen un punto de encontro real, onde puidese vir todo o mundo. Que puidesen coincidir pais con fillos, xente moza, persoas maiores… Gústame moito ver grupos interxeracionais, porque creo que iso xera un ambiente especial, máis humano.
- En canto ao persoal, comentaches que contratar é unha das partes máis complicadas do sector. Por que?
Porque é, sinceramente, o peor do sector. Cada vez custa máis atopar xente comprometida. Teño a sensación de que xa non se esforzan como antes, que hai menos ambición e menos ganas de medrar. Iso limita moito o desenvolvemento do negocio.
- Porén, contas cun equipo moi estable dende hai anos.
Si, e estou moi orgullosa diso. A maioría do equipo está comigo case dende o principio. Creo moito en coidar ás persoas, non só en ofrecer unhas condicións senón en crear un ambiente de familia. Se ti te preocupas por eles, eles tamén se implican.
- Notas unha diferenza xeracional na forma de traballar?
Si, bastante. Creo que os mozos hoxe en día teñen menos ambición por conseguir as cousas e non lle dan o valor que ten ao sector servizos, ou polo menos esa é a miña percepción. Non é algo xeneralizado, pero si o noto, e iso fai que medrar sexa máis complicado. Aínda así, estou moi contenta co equipo que teño.
- A hostalaría é un sector esixente. Como vives ti ese sacrificio?
É un traballo moi duro, que require moitísimas horas. Apenas collo vacacións e sempre estás pendente de todo. Miña filla, por exemplo, non levaba moi ben que traballara tanto, aínda que agora comeza a entendelo mellor. É un sacrificio persoal importante, pero tamén ten cousas moi bonitas.
- Adoitas dicir que traballar na hostalaría prepara para calquera outro traballo. Por que?
Porque aprendes de todo. Aprendes paciencia, a estar sempre alerta, a ler ás persoas, a interpretar xestos e caras. Estás en contacto constante coa xente e iso dálle ferramentas que serven para calquera ámbito profesional.
- Mirando ao futuro, cales son os teus próximos retos?
O meu principal reto é manter o que xa teño, que non é pouco. E, ademais, abrir novas vías dentro do sector, aínda que polo de agora prefiro non desvelar cales. O importante para min é seguir medrando sen perder a esencia.
- Que é a amizade?
O máis guai da vida.
- Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?
Iría ao futuro para ver que todo está ben e despois ao pasado a algúns momentos nos que o pasei moi ben...
- Dime unha canción que che emocione.
Gústame moito o rock... Stairway to Heaven por dicir unha.
- Frío ou calor?
Cada vez soporto menos ambas... así que intermedio.
- Que hai despois da vida?
Non sei... quizais xa esteamos despois doutra vida pasada sen sabelo.
- Que vas facer en canto remate a entrevista?
Seguir traballando (risas)
O CUESTIONARIO
-
Nunca saio da casa sen… unha mochila chea de todo porque non volvo ata a noite.
-
Na miña neveira sempre hai… a nada... porque nunca estou na casa
-
No meu armario destacan… os abrigos polares e pantalóns
-
A idade é… só un número
-
Creo en… a esperanza
-
O ano que marcou a miña vida foi… o 2020
-
O mellor agasallo que me poden facer é… tempo
-
Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… México
-
O meu momento favorito do día é… a noite
-
Pontevedra… a miña casa