Seres indóMITOs: Pilar Comesaña

Pontevedra
29 de xuño 2025

Entrevista de Mito Meijón á exconcelleira pontevedresa Pilar Comesaña, defensora da cidade habitable e da política con sentido común

Pilar Comesaña
Pilar Comesaña / Guillermo M. Meijón-Corujo

Hai quen nace nun lugar e o habita, e hai quen, sen ter nacido nel, escólleo coa alma. Pilar Comesaña chegou desde Vigo, pero hai moito que Pontevedra a ten por súa. Exconcelleira do BNG, firme defensora da cidade habitable e da política con sentido común, Pilar é unha namorada confesa de Pontevedra: das súas prazas vividas, da súa escala humana, desa forma tan galega de coidar sen facer ruído.

Quizais por iso, mesmo lonxe do foco institucional, segue a ser unha presenza activa, reflexiva, luminosa. Quen a coñece sabe que Pilar camiña a cidade cos ollos de quen a pensa, a mellora e a soña. Fala con pausa, pero con convicción; escoita máis do que interrompe, e pónlle nome ao que moitas veces pasa desapercibido.

 

- Dime unha pregunta que non che guste que fagan.

Segundo a pregunta, a resposta.

- Como é a túa relación con Pontevedra?

Moi boa. Nacín en Vigo pero gozo a diario de Pontevedra. É unha cidade encantadora.

- Como te definirías?

Normal e sinxela.

- A que xeración pertences: baby-boom, X ou millenial?

Pertenzo á xeración do baby-boom, aínda que navego moi ben entre persoas de distintas idades.

- Cales dirías que son as características da túa xeración?

Non tiñamos todo o que se ten agora, por iso o valoramos. Había carencias. O que se poñía na mesa comíase e a nosa roupa diferenciábase entre o vestido dos domingos e os de diario. Os máis novos eramos un só grupo independentemente da idade, xogabamos todos con todos.

- Como entras en política municipal?

Pois eu xa coñecía a Miguel do hospital. Cando se incorporou ao equipo do ambulatorio eu comecei a traballar con el na consulta. Sorprendeume o seu trato humano, e a importancia que lle daba á elaboración dos historiais clínicos, que ata entón non era común facelos. Alí propoñome ir con el na lista, sempre nos últimos postos, ata que un ano me dixo que quería que entrase como concelleira.

- E como reaccionaches?

A miña primeira resposta foi non, pero convenceume. Deille un si condicionado a que se vía calquera cousa rara íame á miña casa e a súa resposta aínda a lembro: "Pilar, antes de ser un fillo de puta, voume á miña casa".

- E como foi pechar esa etapa?

Ofrecéronme seguir, pero quería saber o que era estar xubilada ao 100%. Ter tempo para min, poder estar cos meus netos… E realmente sigo tendo moita actividade e botando unha man sempre que podo, pero xa é distinto porque non hai horarios.

- Que é a amizade?

Unha relación na que non hai ningún tipo de intereses. Amizade por amizade.

- Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?

Cara atrás poucas cousas me chaman, pero plantaríame de novo nos 50 anos. A sociedade futura asústame, se estivese en idade de pensar en formar unha familia, pensaríao moito. Probablemente hoxe non tería fillos.

- Unha parte da túa casa que che apeteza intervir?

Cambiar as bañeiras por pratos de ducha.

- Frío ou calor?

Frío porque o calor báixame a tensión.

- Cando dixeches por última vez "quérote"? A quen?

Onte aos meus netos.

- A quen che gustaría ver nesta sección?

Pois a Luísa Márquez, de Escolas Unesco ou a Montse Fajardo.

- E por último, que vas facer en canto termine esta entrevista?

Pois teño que ir abrir o local da Asociación de Veciños de Eduardo Pondal.

Para Pilar, Pontevedra sabe a dozura, ole a benestar, é de cor azul e soa a Beethoven, Aute ou Serrat. Definitivamente, Pilar Comesaña sente Pontevedra.

 

O CUESTIONARIO

− Nunca saio da casa sen… as chaves.

− Na miña neveira sempre hai… moita froita.

− No meu armario destacan… os pantalóns.

− A idade é… un gustazo.

− Sempre fun o ollo dereito de… ninguén.

− Pontevedra ten alma de… cidade encantadora.

− Creo... na xente.

− O ano que marcou a miña vida foi… cando fun nai.

− O mellor agasallo que me poden facer é… un paseo por Pontevedra

− O meu lugar no mundo é… onde estou.

− Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… Vigo, onde nacín.

− O meu momento favorito do día é… o solpor na ría.

− Pontevedra… tranquilidade.

Pilar Comesaña, na súa etapa de concelleira, nun pleno
Pilar Comesaña, na súa etapa de concelleira, nun plenoMónica Patxot