O encontro 'Tecer en público' que cada ano organiza Lanas Teresa Tobío nas galerías da Oliva celebrou este venres a súa sétima edición demostrando a boa saúde da iniciativa, pois contou con 62 participantes.
A cita anual coa calceta foi, por tanto, todo un éxito que na tarde deste venres encheu o primeiro corredor das galerías de la e do xa habitual ambiente de confraternidade entre os participantes.
'Tecer en público' conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, que achega cadeiras e mesas para dar cabida a todos os inscritos e, ademais, entrega un agasallo a todos os participantes.
Este encontro de calceta organízase con motivo do Día Mundial de Tecer en Público organizado a nivel global cada primeira quincena de xuño para citar a persoas que tezan xuntas o mesmo día nun lugar público. O obxectivo é sacar as agullas á rúa e mostrar ao mundo que tecer non só cousa de avoas. Tecer está de moda e este venres demostrouno coa súa cifra récord de participantes na Oliva.