Sete empresas, interesadas en iluminar a senda entre Soutullo e Major

Sanxenxo
29 de abril 2019

As luminarias serán de tipo led regulables e permitirán reducir a intensidade de luz a partir da hora da noite que programe o concello. Ademais, colocaranse farois para a iluminación diferenciada nos pasos de peóns co fin de facilitar a súa visibilidade

Visita da conselleira de infraestruturas ás obras da senda peonil Xunta

Un total de sete empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de instalación de iluminación na estrada PO-308, entre Soutullo e Major (Sanxenxo) cun investimento de case 614.000 euros.

Esta actuación levarase a cabo nun treito duns seis quilómetros e contempla a instalación de farois e a conexión do alumeado na senda finalizada no pasado verán.

Tamén se realizará a colocación completa de alumeado pola marxe esquerda da estrada no treito da PO-308 entre Portonovo e Major, que deberá de executarse de xeito coordinado co contrato para a construción da senda peonil e ciclista.

As luminarias son de tipo led regulables e permitirán reducir a intensidade de luz a partir da hora da noite que programe o concello. Ademais, colocaranse farois para a iluminación diferenciada nos pasos de peóns co fin de facilitar a súa visibilidade.