Sete investigados máis polo ataque sufrido por dous policías no Vao

Poio
12 de maio 2020

Ás dez detencións que se levaron a cabo a pasada semana hai que sumarlle estes sete investigados

Despregamento da Policía Local de Poio e a Garda Civil no Vao de Arriba tras os altercados
Despregamento da Policía Local de Poio e a Garda Civil no Vao de Arriba tras os altercados / Mónica Patxot

Fontes oficiais do Concello de Poio veñen de confirmar que xa son 17 as persoas investigadas desde o inicio deste operativo realizado conxuntamente pola Garda Civil e a Policía Local de Poio, a raíz da agresión sufrida por dous axentes do corpo de seguridade municipal o pasado día 3 de maio, cando foron atacados por un nutrido grupo de individuos no Vao de Arriba, despois de acudir a unha chamada do 112 e logo de que o instituto armado practicase previamente a detención dun mozo na zona.

Ás dez detencións que se levaron a cabo a finais da pasada semana hai que sumarlle o paso pola comandancia, a primeira hora da mañá deste martes, destas sete persoas investigadas. 

Segundo informaron fontes oficiais da Garda Civil, entre os investigados deste martes hai dous menores. Todos eles quedaron en liberdade na propia sede policial despois de prestar declaración. Con estas dilixencias dáse por finalizado o operativo. 

Os dez primeiros detidos permanecen no centro penitenciario da Lama.

Ao igual que a estes últimos, se lles acusa de presuntos delitos de atentado contra a autoridade, agresións e danos. O Concello de Poio ten previsto presentarse como acusación particular unha vez se inicie o proceso xudicial pertinente.

Con respecto aos dous axentes atacados, estes permanecen de baixa médica, recuperándose das súas lesións nos seus respectivos domicilios. Como consecuencia dos golpes recibidos, sufriron diversas contusións, mazaduras e cortes.