Setenta socorristas vixiarán nove areais de Sanxenxo este verán

Sanxenxo
28 de maio 2019

O Concello conta cunha bolsa de contratación para seleccionar o persoal pero tamén para completar o número de efectivos vai realizar probas entre os aspirantes o vindeiro 7 de xuño, a partir das 16.00 horas, na praia de Silgar

Probas de selección de socorristas en Sanxenxo Concello de Sanxenxo

Este verán, nove praias de Sanxenxo contarán con 70 socorristas atendendo calquera emerxencia que se poida producir a partir do 15 de xuño nos areais do municipio.

A cifra ascendeu respecto ao ano pasado grazas á recuperación da bandeira azul para a praia da Panadeira, que sumará o seu posto de vixilancia aos xa habituais de Areas, Silgar, Baltar, Canelas, Montalvo, Major, Foxos e A Lanzada-O Espiñeiro.

Ademais destes efectivos, unha embarcación do servizo de Emerxencias estará permanentemente no mar para atender as incidencias que se rexistren. Os socorristas recibirán formación teórica e práctica de traballo con moto náutica para poder desenvolver posibles rescates acuáticos.

O Concello indica tamén que xa dispón dunha bolsa de contratación para a selección de persoal, pero para ampliala e chegar aos 70 vixiantes realizaranse probas o próximo 7 de xuño, a partir das 16.00 horas, na praia de Silgar.