Solidariedade con Palestina desde Pontevedra

Pontevedra
12 de xuño 2025

A Praza da Ferrería acollerá este sábado 14 ás 12.00 horas un acto reivindicativo con música en directo para denunciar o xenocidio en Gaza

Faixa despregada no Concello de Pontevedra de solidariedade con Palestina

Na fachada do edificio administrativo do Concello de Pontevedra en Michelena 30 xa loce unha bandeira palestina como símbolo de apoio á cidadanía que está a sufrir os ataques por parte de Israel.

Esta iniciativa, apoiada polos grupos políticos do BNG e do PSOE, pretende visibilizar a situación crítica "ante o xenocidio" que se vive en Gaza e mostrar a solidariedade da cidade co pobo palestino.

O vindeiro sábado 14 de xuño, ás 12:00 horas, a Praza da Ferrería de Pontevedra converterase nun punto de encontro para a cidadanía que queira manifestar o seu rexeitamento ás hostilidades en territorio palestino.

Esta mobilización forma parte dunha convocatoria máis ampla que terá lugar en catorce puntos de Galicia baixo o impulso da plataforma 'PararLaGuerra.es'.

O acto de Pontevedra terá un marcado carácter reivindicativo e cultural, con accións musicais en directo. Víctor Pedreira, un dos organizadores, explicou no acto de presentación a necesidade de "posicionarse con valentía fronte á inxustiza" que sofre a poboación palestina.

O colectivo local que respalda esta iniciativa conta con persoas coñecidas na cidade no ámbito cultural, social, creativo e político como Margariña Valderrama, Pepe Álvarez, Sara Valenzuela, Pilar Fariña, Xaime Toxo, César Portela, Xosé Fortes, Antón Masa, Kiko Dasilva, Juan Loureiro, Montse García, Fina Casalderrey e Tino Lores, ademais de diferentes colectivos.

A concentración de Pontevedra únese a outras mobilizacións similares, como a prevista na Praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa, á mesma hora, todas elas cun obxectivo común: esixir o cese definitivo das hostilidades e poñer fin ao xenocidio en territorio palestino.