A rúa Médico Ballina, na parroquia pontevedresa de Lérez, viviu na tarde de onte, martes 9 de decembro, momentos de sorpresa e expectación tras o achado dun artefacto explosivo antigo e enferruxado no faiado do terceiro andar do inmoble número 1.
A Policía Nacional despregou un dispositivo especial, mobilizando os TEDAX, para asegurar a zona e retirar o obxecto.
A anécdota central desta historia vén da man de María Teresa Calvo, propietaria de dúas vivendas no inmoble, quen relata con certa incredulidade a aparición do artefacto.
María Teresa Calvo recoñece que a ampla presenza policial a "sorprendeu, claro, por suposto", ao chegar ás proximidades da súa casa cando viña do centro da cidade durante a tarde.
Segundo o seu relato, foi unha das inquilinas do terceiro andar a que, mentres gardaba mobles no faiado, descubriu o obxecto "detrás dun arcón de conxelación". Inmediatamente, a inquilina alertou o 112, activándose o protocolo de emerxencia.
A propietaria lembra que "aí vivían militares hai moitos anos, como trinta anos polo menos. Alugaron o piso a miña irmá, que xa morreu".
Afirma que "eu limpei o faiado", cando marcharon os militares, explica, "e había cousas de militares. Roupa, chapas, cintos... Tiramos con todo ao lixo hai trinta anos".
É categórica ao afirmar: "Daquela non vimos ningún artefacto", aínda que recoñece que entre todo os refugallos tampouco era fácil decatarse da súa presenza.
"Non teño nin idea de como chegou aí. Nin idea, non sei", afirma a muller sorprendida, "nunca pensei que había un artefacto explosivo".

Os axentes, que acudiron con equipos especiais e artificieiros, segundo confirmou a propietaria, informárona de que o obxecto era "algo grande, que non era unha bala, nin unha cousa pequena".
A Policía Nacional continúa coa investigación para determinar a natureza exacta do artefacto e as circunstancias da súa aparición.
