Soutomaior inicia as obras de reforma do salón de plenos e da contorna da casa consistorial

Soutomaior
16 de xaneiro 2026

Mentres duren as obras, o salón de plenos trasladarase provisionalmente á Casa da Cultura Rexina Míguez Noval

Proxecto de reforma do exterior da Casa Consistorial Concello de Soutomaior

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Pablo Garrido, mantiveron esta xoves unha reunión de coordinación previa ao inicio das obras de reforma do salón de plenos e de acondicionamento da contorna da casa consistorial.

No encontro participaron tamén os directores do proxecto, Cendón e Vázquez, así como representantes da empresa adxudicataria dos traballos, Di Arancia Arquitectura S.L.

A actuación permitirá crear unha nova praza xunto ao edificio municipal, que se integrará na rede de núcleos de centralidade que o goberno local está a impulsar en diferentes barrios do municipio.

Sumarase pois á Carreira dos bolos da Pedreira, a Praza da Aldea en Arcade de Riba ou a recente humanización do ámbito do Val-Sobral, actualmente na súa fase final.

O proxecto contempla o acondicionamento da beirarrúa situada fronte ao Concello e do espazo de acceso exterior ao salón de plenos, que se converterá nunha praza pública.

Ademais, instalaranse bancos e árbores, co obxectivo de mellorar a calidade do espazo público e poñer en valor a arquitectura orixinal da Casa Consistorial.

De maneira paralela, o proxecto inclúe a reforma integral do salón de plenos, coa finalidade de mellorar as condicións nas que se desenvolven as sesións plenarias e outros actos institucionais, como as vodas civís.

Mentres duren as obras, o salón de plenos trasladarase provisionalmente á Casa da Cultura Rexina Míguez Noval.

Os traballos foron adxudicados á empresa Di Arancia Arquitectura S.L. por un importe superior aos 215.000 euros e financiaranse a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, xunto con fondos propios do Concello de Soutomaior.

Manu Lourenzo e Pablo Garrido cos directores de obra e a empresa adxudicataria   Concello de Soutomaior