A décimo cuarta edición da feira Stock Pontevedra, organizada pola asociación de comerciantes Zona Monumental e Aempe, xa ten data. Celebrarase os días 1, 2 e 3 de febreiro no Recinto Feiral de Pontevedra.
Un ano máis, este lugar converterase nun gran centro comercial de 4.500 metros cadrados de exposición, nos que o público atopará grandes descontos, oportunidades e ofertas especiais nunha ampla gama de produtos.
Stock Pontevedra é a única feira que se realiza na cidade para que todos os comerciantes poidan liquidar stocks das últimas campañas e que permite, se o seu establecemento non lle permite levar a cabo unha campaña de rebaixas, facer fronte aos descontos das grandes superficies comerciais.
Os organizadores abriron o prazo para que todos os interesados poidan solicitar participar na feira. Todo comerciante que desexe participar ou recibir máis información pode solicitala na oficina de Zona Monumental, na rúa Serra nº 1 baixo, no teléfono 685896569 ou no correo electrónico [email protected].
Para iso, establécese como requisito ter unha tenda aberta ao público, estar dado de alta nos correspondentes censos e impostos de actividades económicas e poñer á venda os produtos propios dos seus establecementos, quedando á súa elección a porcentaxe de desconto ou oferta que quere aplicar.
Os asociados a Zona Monumental e Aempe terán un 25% de desconto.