A alerta laranxa por neve decretada na maior parte de Galicia durante a xornada deste venres 23 de xaneiro motivou a decisión de suspender a actividade escolar nas zonas afectadas.
Así o confirmou a Xunta de Galicia tras a decisión adoptada pola Comisión Escolar de Alertas.
A alerta laranxa por nevadas activarase a medianoite deste xoves e permanecerá activa durante toda a xornada, ao esperarse acumulacións de neve de até cinco centímetros en cotas por riba dos 400 metros, ademais de ventiscas.
Ante esta situación suspéndense as clases e o transporte escolar tanto en centros educativos como escolas infantís no interior da provincia de Pontevedra así como en toda a provincia de Ourense e as zonas de montaña, centro e sur de Lugo.
Isto afecta na comarca aos municipios de Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Moraña, Campo Lameiro e A Lama, pero tamén a Dozón, Agolada, A Cañiza, Covelo, Forcarei, Lalín, Silleda, A Estrada, Fornelos, Rodeiro e Vila de Cruces.
Doutra banda a Secretaría Xeral para O Deporte decretou tamén a suspensión das actividades Xogade e deporte federado nos mesmos concellos durante a xornada do venres.
No que respecta ás Rías Baixas si se mantén a actividade escolar pero quedan prohibidas as actividades no exterior dos centros educativos, así como a actividade deportiva no mar.
ACTIVADO O PLAN INVERNAL NA REDE DE ESTRADAS
Doutra banda a Delegación do Goberno en Galicia informou da activación do Plan Invernal na rede de estradas do estado nas catro provincias galegas ante as alertas e predicións meteorolóxicas dos próximos días.
Entre os medios a disposición do Ministerio de Transportes para facer fronte á neve contemplar máis de 450 profesionais, 103 máquinas quitaneves, 20.000 toneladas de sal e máis de 3.257.000 litros de salmuera.
A Delegación do Goberno recomenda reducir no posible os desprazamentos en coche nas zonas afectadas, e solicitar información previa do estado das estradas e da situación meteorolóxica.