Tapas, pinchos, petiscos e canapés como fórmula anti-paro

Ponte Caldelas
11 de abril 2017

O Concello de Ponte Caldelas promove a formación profesional no eido da "pequena gastronomía" a 15 veciños despois de detectar unha crecente demanda laboral no municipio e na bisbarra de cociñeiros especializados

Curso de tapas en Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas acolle un curso de tapas, petiscos, aperitivos e canapés para 15 persoas, 11 mulleres e catro homes, todos eles empadroados no municipio e con idades comprendidas entre os 18 e os 58 anos. Algúns destes participantes xa contan con experiencia profesional na cociña e outros se penetran neste terreo por primeira vez.

Este curso que promove o Concello de Ponte Caldelas prolóngase ao longo deste mes de abril, cunha duración de 30 horas.  As clases desenvólvense nun espazo do polígono da Reigosa, acondicionado para a formación laboral.

O alcalde Andrés Díaz, á fronte do goberno tripartito, sinala que o curso foi ofertado a persoas en situación de desemprego  e o obxectivo é que se insiran laboralmente no campo da "pequena gastronomía".