TapeaPoio encara a súa última semana superando as expectativas

Poio
11 de maio 2026

O Concello destaca a gran acollida de público e establecementos, consolidándose como un impulso para a hostalaría e a promoción gastronómica do municipio

Clientes nun local de hostalería participante no TapeaPoio Concello de Poio

TapeaPoio entra na súa recta final convertido xa nun dos grandes reclamos gastronómicos desta primavera no municipio.

A terceira edición do certame continuará ata o domingo 17 cun balance máis que positivo, tanto pola resposta do público como pola implicación dos 23 establecementos participantes, que ofrecen un total de 28 tapas elaboradas.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, destacou estes días a excelente acollida da iniciativa, que está superando incluso os rexistros das edicións anteriores.

Cochón indicou que desde o primeiro día a organización do certame está a recibir unha resposta moi positiva.

"Hai ambiente a todas horas e moita xente está aproveitando para descubrir locais novos", sinalou durante a súa rolda de visitas polos negocios adheridos.

O certame está a servir tamén como impulso para a hostalaría local nun mes que adoita ser máis complicado para o sector.

Segundo Cochón, moitos visitantes chegan a Poio atraídos polas tapas e acaban coñecendo a oferta gastronómica e turística do municipio.

O éxito tamén se deixa notar na web oficial de TapeaPoio, que suma xa preto de 2.500 visitas desde o inicio da ruta.

A plataforma permite consultar horarios, localizar os locais participantes ou crear rutas personalizadas para non perder ningunha proposta culinaria.

A partir do luns 18 realizarase o reconto das votacións do público e o sorteo dos premios, entre os que figuran menús degustación, estadías, actividades turísticas e lotes de produtos.

Un xurado especializado integrado por chefs de referencia como Pepe Solla e Xosé Cannas escollerá as mellores tapas do certame antes da celebración da III Gala da Hostalaría de Poio, prevista para o 8 de xuño.