Técnicos de Emerxencias denuncian problemas para circular na contorna do Hospital do Salnés

Pontevedra
14 de febreiro 2025

Os técnicos de emerxencias sanitarias (TES) da FGAMT-CIG sinalan tamén que a falta de coordinación entre as xerencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) e do 061 está a provocar un aumento dos tempos de resposta das ambulancias

Ambulancia no Hospital do Salnés con dificultades para circular CIG

Os técnicos e técnicas de emerxencias sanitarias (TES) da FGAMT-CIG denuncian que a falta de coordinación entre as xerencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) e da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias-061 está a provocar un aumento dos tempos de resposta das ambulancias.

Ante esta situación, reclaman a creación dun protocolo que limite a inoperatividade dos vehículos para garantir unha atención máis áxil e eficiente á cidadanía.

Dende o colectivo lembraron que xa alertaron desta problemática na xuntanza mantida cos responsables do CHUP e do 061 o pasado 13 de agosto de 2024. Naquela ocasión, advertiron do risco de manter o actual sistema de coordinación e xestión dos recursos de emerxencias, que son limitados, especialmente na área de Pontevedra-Salnés, debido á dispersión e dimensión da poboación.

Durante a reunión, ambas direccións recoñeceron que as ambulancias permanecen inoperativas durante longos períodos de tempo.

Afirman que os hospitais do Salnés e Montecelo carecen dunha zona de intercambio de doentes que evite que os TES teñan que agardar xunto aos pacientes. “Mais non fixeron nada de nada, simplemente se limitaron a trasladarse as responsabilidades dunha dirección a outra, polo que todo continúa igual”, denunciaron os técnicos.

Agora, en plena campaña de gripe, as inoperatividades das Unidades de Soporte Vital Básico (USVB) son moito máis prolongadas, denuncian, chegando a superar a hora de espera na porta destes hospitais. “Isto provoca un atraso na asistencia, algo moi perigoso tendo en conta a gran cantidade de patoloxías tempo dependentes (ictus, infartos ou accidentes de tráfico) que atenden estas unidades”, sinalaron.

Outra problemática que afecta ás USVB son as crecentes dificultades para circular nas inmediacións do Hospital do Salnés.

Os vehículos mal estacionados dificultan o acceso a urxencias e a saída das ambulancias para atender emerxencias, o que agrava aínda máis a situación.

Ante esta situación, os TES solicitarán manter unha reunión urxente cos responsables dos centros sanitarios e co Concello de Vilanova de Arousa, xa que o Hospital do Salnés se atopa nos seus terreos.

O obxectivo é reclamar a aplicación dun protocolo que poña fin a estes longos períodos de inoperatividade das ambulancias, “co obxectivo de que poidan estar o maior tempo posíbel dispoñíbeis para atender emerxencias vitais”.