Técnicos Superiores Sanitarios concéntranse contra o novo estatuto que promove o Ministerio

Pontevedra
13 de febreiro 2025
Actualizado: 18:22

Este colectivo reclama ao Goberno central un nivel de cualificación homologable aos profesionais da Unión Europea

Concentración de Técnicos Superiores Sanitarios en Montecelo Asociación de Tecnicos Superiores Sanitarios en Galicia

Durante un cuarto de hora, este xoves 13 concentráronse fronte aos hospitais Provincial e Montecelo de Pontevedra integrantes da Asociación de Técnicos Superiores Sanitarios de Galicia, en protesta contra o primeiro borrador do anteproxecto de Lei do Estatuto Marco do Persoal Sanitario.

Os Técnicos Superiores Sanitarios (TSS) crítican o Ministerio de Sanidade por ser "negacionista" nesta materia, xa que, o anteproxecto non inclúe unha clasificación profesional moderna, segundo denuncian.

O Ministerio promove este novo estatuto coa intención de adaptalo ao Marco de Cualificacións Europeo, pero para o colectivo de Técnicos Superiores Sanitarios isto non se consegue e o anteproxecto do novo estatuto é unha "sopa de letras".

Para este grupo profesional, a problemática radica en que o Ministerio de Sanidade continúa a consolidar unha división obsoleta entre o persoal universitario e o persoal de formación profesional.

Esta división, expoñen, ignora a realidade do persoal sanitario titulado e regulado, pospoñendo o seu recoñecemento automático a nivel académico europeo e limitando o seu desenvolvemento profesional.

Sinalan tamén que España é o único país da Unión Europea (UE) e dos países cun sistema sanitario moderno que ten para as profesións TSS nun nivel de cualificación menor. Denuncian que esta situación impide o recoñecemento automático académico na UE.

Protesta de TSS no Hospital ProvincialAsociación de Tecnicos Superiores Sanitarios en Galicia

Outro punto crítico para o colectivo é a clasificación no Grupo B (Grupo 5 no referido anteproxecto), creada en 2007, na que, segundo afirman, o Ministerio de Sanidade non cumpriu o prazo fixado, incurrindo un atraso de 20 anos, sen incorporar un compromiso económico.

Piden que as profesións TSS teñan un nivel de cualificación homologable aos profesionais da UE e que o seu encaixe profesional figure no grupo 6.

Reclaman que no Estatuto Marco a figura do TSS sexa considerada como Profesión Sanitaria Titulada e Regulada de pleno dereito.