Telmo Martín pide ao persoal de servizos un esforzo para mellorar a imaxe de Sanxenxo

Sanxenxo
04 de xuño 2017

Tras reunirse co persoal da Policía Local, Telmo Martín continúa mantendo encontros cos traballadores municipais para analizar o estado no que se atopan os servizos. Agora tocoulle a quenda a todo o persoal de limpeza, praias, xardíns, mantemento e iluminación pública

Reunión de Telmo Martín con persoal municipal de servizos Concello de Sanxenxo

Tras reunirse co persoal da Policía Local, Telmo Martín continúa mantendo encontros cos traballadores municipais para analizar o estado no que se atopan os servizos. Agora tocoulle a quenda a todo o persoal de limpeza, praias, xardíns, mantemento e iluminación pública.

A mellora destes servizos e a recollida de lixo, esta última dependente dunha empresa privada, son xunto coa seguridade cidadá as dúas prioridades que se marcou o novo goberno para as súas primeiras semanas.

O obxectivo, sinalan desde o goberno municipal, é que tanto os veciños como os visitantes perciban, canto antes, unha mellora en ambos os servizos.

O alcalde, que coñece da súa anterior etapa á maioría do persoal deste departamento, agradeceulles o seu traballo, pero tamén lles dixo que "temos que ser capaces de mellorar estes servizos para que Sanxenxo volva ser unha referencia en limpeza e coidado de espazos públicos".

Pola súa banda, o persoal de servizos informou ao alcalde sobre algúns medios e maquinaria que permitiría mellorar a limpeza e o coidado de praias, xardíns e espazos públicos. 

Unha parte das súas demandas poderá ser atendida inmediatamente, pero outras cuestións requirirán a aprobación dun novo orzamento, polo que Telmo Martín pediulles un esforzo extra este verán.

"Traballamos para que o 1 de xullo Sanxenxo ofreza unha imaxe de máis limpeza e de praias e xardíns ben coidados", dixo o alcalde.