Unha tenda de tés sostibles e un negocio de amenidades hoteleiras reforzarán en novembro do gastroespazo do mercado do bautizado como Mercado do Emprendemento, que se organiza no marco da iniciativa municipal Pontevedra Capital Gastro.
A edil responsable da área de promoción económica, Anabel Gulías, explicou que esta iniciativa durará ata abril e cada mes permitirá a tres negocios da Boa Vila xerar sinerxías, chegar a novos públicos e continuar a dinamizar o mercado.
De xoves a sábado, en horario de 10:00 a 14:00 horas, a iniciativa permitirá a tres proxectos emprendedores da Boa Vila gozar dun espazo na praza de abastos para poñer en práctica os seus coñecementos e o seu bo facer. Será durante todo este mes.
Son a tenda de tés sostible Té Agarimo, o negocio de amenidades hoteleiras Lúa & Tierra e a produtora Visual Gastro, que aproveitará a súa residencia no gastroespazo para realizar un videopodcast con cociñeiros e cociñeiras locais dende o propio mercado.
"En decembro teremos outras tres. E así será, mes por mes, ata abril", subliñou Gulías, que celebrou os pasos que se están dando para consolidar o mercado e convertelo no "merecido epicentro" da cultura culinaria e do lecer para todas as idades.
Dentro deste compromiso, a concelleira tamén avanzou que os días 14 e 15 de novembro, o mercado converterase nun festival de magosto da man do primeiro Pontevedra Gastrofest.
Esta nova liña de actividades repetirase novamente en febreiro e en abril e de cada vez terá como protagonistas as festividades gastronómicas galegas propias da época.
Este magosto non será un festival ao uso, senón que contará cunha morea de actividades de balde e para todos os públicos co eixo central da castaña pero enfocada en todas as vertentes deste produto tan importante na gastronomía galega.
Así, haberá xogos tradicionais, obradoiros para crianzas, castañada popular, showcooking a partir de castañas cun chef convidado, catas comentadas con expertos en bebidas arredor do licor de castañas e concursos para ver quen fai a mellor sobremesa elaborada con castañas.
O venres 14 o horario será de 17:00 a 20:15 horas e o sábado de 11:00 a 15:00 horas.
Ademais, este sábado volve unha nova edición do mercado creativo, que reunirá a deseñadores, ilustradores e outros empregos creativos da Boa Vila neste gastroespazo, entre as once da mañá e as tres da tarde.
O evento contará con trinta expositores ademais de animación, petiscos e bebidas e máis música en vivo, a partir das 13:00 horas, para gozar dunha sesión vermú ao estilo Sétima Feira.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.