"Nin Tenerife nin Río de Janeiro… o mellor entroido está en Campo Lameiro"

O Campo Lameiro
26 de febreiro 2026
Actualizado: 18:27

Ao redor de 2.000 persoas disfrazadas darán vida ao tradicional desfile de Entroido, que arrincará este sábado ás 17.00 horas e promete encher as rúas de música, humor e moita imaxinación

Desfile de Entroido en Campo Lameiro Concello de Campo Lameiro

O Concello de Campo Lameiro ultima os preparativos para converter a vila nun auténtico fervedoiro de cor e fantasía este sábado 28 de febreiro.

Ao redor de 2.000 persoas disfrazadas darán vida ao tradicional desfile de Entroido, que arrincará ás 17.00 horas e promete encher as rúas de música, humor e moita imaxinación.

Baixo o lema xa consolidado de "Nin Tenerife nin Río de Janeiro… o mellor entroido está en Campo Lameiro", o municipio reivindica o seu lugar no calendario festivo galego cun evento que cada ano suma máis participación e expectación.

A comitiva contará cunha decena de comparsas confirmadas, entre elas Os Solfamidas, da casa; Os Paparrulos e Os da Caña, chegados de Marín; As Sonecas, de Campelo; Os Canecos, de Poio; Las Flores del Carnaval; Alegría de Bora, desde Pontevedra; e Os Amigos dos Rapaces, tamén de Marín. A estas formacións engádense grupos procedentes de Ponteareas, Soutomaior, Aguasantas (Cerdedo-Cotobade), Laxe, Meis, Vilagarcía de Arousa, Gondomar e Tomiño, o que garante un desfile variado e multitudinario.

A organización repartirá premios en metálico nas categorías infantil e adulta, tanto en modalidade individual como de grupo. No apartado infantil individual entregaranse galardóns de 40, 30, 20, 15 e 10 euros, mentres que os grupos optarán a 100, 70, 50, 40 e 30 euros, ademais de tres premios especiais á animación dotados con 100 euros cada un.

No caso das persoas adultas, os premios individuais serán de 100, 70, 50 e 35 euros. Para os grupos establécense contías de 320, 190, 140 e 110 euros. Haberá tamén recoñecementos especiais: un premio do xurado de 200 euros, outro de 230 euros para o mellor grupo de veciños de Campo Lameiro e un máis de 70 euros reservado a residentes no municipio.

As persoas participantes deberán presentarse no punto de saída ás 16.30 horas e seguir as indicacións da organización para garantir o bo desenvolvemento dunha xornada que promete ritmo, creatividade e un ambiente festivo á altura do seu ambicioso lema.

Arquivado en