Todos os profesionais sanitarios do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo, que compartían quenda de mañá co médico de familia que esta semana deu positivo por coronavirus foron sometidos a probas PCR e deron negativo.
Así consta na comunicación oficial realizada polo Servizo Galego de Saúde, que indica que a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa co seguimento epidemiolóxico do caso. As primeira conclusións dos especialistas situaron o foco do contaxio nunha comida familiar deste facultativo á que asistiron dúas persoas procedentes de Madrid.
A Central de Seguimento de Contactos continuou a manter este venres novas comunicacións cos pacientes atendidos de xeito presencial por este médico de familia e todos eles relataron aos profesionais sanitarios que se atopan ben e están asintomáticos.
En canto aos catro contactos estreitos do médico, a pesares de que deron negativo na proba de PCR, seguen en corentena ata que os servizos de Medicina Preventiva e de Prevención de Riscos Laborais lles indiquen a realización das probas correspondentes e, no seu caso, a finalización do illamento.
A Xerencia da área sanitaria agradeceu este sábado a colaboración de todos os profesionais do centro de saúde de Baltar, do equipo de toma de mostras, dos servizos de Prevención de Riscos Laborais, Medicina Preventiva e de Microbioloxía da Área, pois o seu "eficaz traballo de equipo" permitiu abordar a situación "de xeito modélico e coa máxima celeridade de tempo".