Traballadores de Construcciones Crespo péchanse na Xunta e piden a dimisión de Cores Tourís

Pontevedra
21 de maio 2014

Un grupo de vinte empregados da empresa construtora que está en proceso de liquidación entrevistáronse coa secretaria territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, e anuncian que o persoal iniciará unha folga indefinida

Peche de traballadores de Construcciones Crespo na Xunta Mónica Patxot

Un grupo de vinte traballadores de Construcciones Crespo encerrábase durante hora e media na mañá deste mércores 21 no edificio da Xunta de Galicia en Campolongo para reclamar a dimisión do delegado territorial da administración galega, José Manuel Cores Tourís.

Xaquín Agulla, representante sindical da CIG, xustificaba a petición de dimisión na "inhibición e incompetencia" de Cores Tourís ante a perda de 200 empregos na bisbarra durante os últimos sen que "por parte da máxima autoridade da Xunta se tome ningún tipo de iniciativa".

Os traballadores foron recibidos pola secretaria territorial da Xunta, Ana Ortiz, debido á ausencia de Cores Tourís que se encontra de baixa. Segundo explicou Agulla, a representante da Xunta díxolles que "non pode facer nada" ante o malestar dos traballadores. "Estamos especialmente cabreados porque cando tiñamos a posibilidade de reconducir a situación de Construcciones Crespo fixemos unha xestión aquí e non foi atendida. E iso amosa unha falta de sensibilidade total por parte do delegado territorial", apuntou o representante da CIG.

Os representantes sindicais indicaron que levarán a cabo unha folga indefinida que aínda non está convocada. Estaba previsto que comezase o 28 pero, segundo indicou Agulla, a empresa estableceu a negociación do ERE extintivo para os días 29 de maio, 3 e 9 de xuño.

Este venres están convocados pola empresa para manter un primeiro contacto coa entrega da documentación aos representantes do equipo.