Traballadores de Factoría Naval manterán unha xuntanza co administrador concursal o martes 18

Marín
14 de novembro 2014

Na mañá deste venres 14, o plantel da empresa de Marín mantivo unha asemblea para coñecer as últimas novidades sobre o proceso de venda en que se atopa

Barcos nas bancadas de Factoría Naval de Marín Mónica Patxot

Os traballadores de Factoría Naval de Marín reuniranse o próximo martes 18 co administrador concursal para intentar coñecer os nomes das empresas que optan a comprar o estaleiro marinense. O equipo decatouse desta cita durante a asemblea que mantiveron nas instalacións na mañá deste venres 14 na que os representantes sindicais trasladaron información sobre a reunión mantida co conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, esta mesma semana.

Por outra parte, o día 19 de novembro péchase o prazo para a presentación de propostas e, ao día seguinte, ábrense as ofertas en Madrid e o plantel, segundo informa o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, ten intención de que varios representantes sindicais se acheguen ata a capital para intentar reclamar un compromiso que garanta a continuidade dos 21 postos de traballo actuais.

García Pedrosa sinalaba que necesitan coñecer as ofertas para avaliar cal resulta máis beneficiosa para os traballadores. O xuíz, atendendo ao informe do administrador concursal, decidirá a quen adxudica a empresa. Os representantes sindicais tamén teñen previsto reunirse co maxistrado para trasladarlle a preocupación pola continuidade laboral.