Traballadores do servizo de limpeza concéntranse para reclamar unha suba salarial no convenio colectivo

Pontevedra
03 de novembro 2016

As negociacións rompéronse a primeiros de setembro e a empresa non tentou volver manter contacto. As diferenzas atópanse, sobre todo, na cuestión económica xa que os representantes sindicais indican que levan tres anos co salario conxelado

Protesta de traballadores de Cespa-Ferrovial
Protesta de traballadores de Cespa-Ferrovial / Mónica Patxot

Un grupo de traballadores de Cespa-Ferrovial, a empresa concesionaria do servizo de limpeza de Pontevedra, concentrábase durante o mediodía deste xoves 3 ante a sede da entidade situada na rúa Andrés Muruais portando unha pancarta e facendo soar chifres. Reclaman que se retomen as negociacións do convenio colectivo, que romperon a principios do mes de setembro pasado.

Juan Carlos Corredoira, presidente do comité de empresa de Cespa-Ferrovial, sinalou que a diferenza fundamental coa patronal é económica. O persoal denuncia que leva tres anos co salario conxelado e reclaman unha subida de 2,75 mentres que a dirección da empresa só está disposta a ofrecer un 0,5.

Os representantes sindicais alertan de que se non se retoman as negociacións están dispostos a convocar unha folga. En principio, teñen prevista unha nova concentración o 3 de decembro se non se producen avances.

Por outra banda, o contrato de CESPA-Ferrovial finaliza en xuño de 2017 e o persoal mostra a súa preocupación sobre as condicións nas que sairá a concesión que realice o goberno local para o novo contrato de recollida de lixo, debido ao cambio de sistema que supoñerá a posta en marcha da compostaxe. Segundo afirma Juan Carlos Corredoira espera que todo o persoal actual sexa toda subrogada tal e como se contempla na cláusula actual. nela figura que todos os traballadores que conten cun mínimo de 6 meses de contrato na empresa terán que seguir en caso de cambio na concesión.

Actualmente, a empresa conta con 125 traballadores e fontes sindicais apuntan que desde hai 18 anos mantense o mesmo número de operarios.