O asasinato de Secundino Prego foi dunha violencia "extrema". A brutal malleira que recibiu ás portas do seu domicilio produciulle unha dor e un sufrimento "severo", segundo as forenses que practicaron a autopsia na cuarta xornada do xuízo que se celebra contra Albertina Táboas e Rocío Gondar, presuntas autoras do crime, na Audiencia de Pontevedra.
Trece dos máis de vinte golpes que recibiu a vítima foron na cabeza. O ancián "xa estaría inconsciente" cando recibiu os tres que, segundo o informe forense, foron "mortais de necesidade" e que serían realizados cunha pedra -os anteriores foron cunha cazola e co seu propio bastón-.
Secundino tratou de defenderse como revelan algunhas das feridas que presentaba, pero non lle foi fácil tras recibir os primeiros golpes por detrás e o resto xa cando estaba no chan, a mercé dos seus atacantes.
"Buscábase executar a morte, pero necesitaron multitude de golpes para conseguilo", sinalaron as forenses, que calculan que o falecemento se habería producido entre as 22.45 e as 23.30 horas, unha hora antes da chamada das acusadas aos servizos de emerxencia para denunciar o roubo co que, presuntamente, pretendían encubrir o asasinato.
De feito, en todos os obxectos e pezas de roupa analizadas había sangue ou ADN da vítima, incluíndo os intervidos pola Garda Civil na casa da vítima en Chancelas e os obtidos nos rexistros domiciliarios a Albertina e Rocío.
Ambas, a pesar das súas respectivas declaracións, "non presentan patoloxía mental algunha", segundo explicaron os médicos e psiquiatras que as atenderon tras o crime.
Rocío, que segundo o seu avogado ten diagnosticado un trastorno "límite e histriónico" de personalidade, "sabía perfectamente o que facía", segundo coincidiron os expertos, que lembraron que unha condición así "non se adquire da noite para a mañá" e que, aínda que o sufrise, "non tería influído nos feitos".
A súa actuación, engadiron, "non se corresponde" con alguén que sufrise un "medo insuperable" a Albertina, xa que "non se lle ve unha persoa indefensa" e alguén que teme a actuación de alguén sobre un mesmo "tende a apartarse do foco dese medo" e ela non manifestou esa circunstancia nin aos axentes da Garda Civil nin aos servizos de emerxencia.
Ademais, a esclerose múltiple de Albertina "non dá lugar a amnesia" como ela alegou na súa declaración ante o tribunal e tampouco lle produciría, ata o momento, problemas de mobilidade.
A vista oral concluirá este venres cunha última declaración, a da psiquiatra da prisión da Lama, antes das conclusións que presentarán a Fiscalía, a acusación particular e as respectivas defensas, e o inicio das deliberacións do xurado popular.