Tres mariñeiros falecidos no naufraxio dun barco con cinco tripulantes entre Tambo e Combarro

Poio
26 de abril 2017
Actualizado: 12:26

A embarcación Nuevo Marcos, con base en Portonovo (Sanxenxo) chocou contra unha batea e afundiu nun punto entre Tambo e Combarro. Un mariñeiro logrou chegar a terra nadando, outro foi rescatado con vida e apareceron tres cadáveres na auga. Todos son veciños de Campelo

Naufraxio en Combarro
Naufraxio en Combarro / PontevedraViva

Tres mariñeiros faleceron e dous foron localizados con vida tras un naufraxio ocorrido na madrugada deste mércores entre a illa de Tambo e Combarro, en augas de Poio. 

A embarcación Nuevo Marcos, con base en Portonovo (Sanxenxo), pero con cinco tripulantes de Campelo (Poio), fixera unha parada o porto de Marín e, sobre as 4.00 horas, volvía a porto. Nun momento dado, chocou contra unha batea e afundiu nun punto entre Tambo e Combarro a unha milla da costa. 

Xa antes de saír o sol, sobre as 5.45 horas, foi localizado un dos tripulantes na praia de Combarro e na hora seguinte unha embarcación particular e o helicóptero de Salvamento Marítimo Pesca 1 localizaron dous cadáveres na auga e a un cuarto mariñeiro con vida, pero ferido. Conseguira agarrarse a unha batea. 

Unha patrulleira do sevicio marítimo da Garda Civil, varias embarcacións particulares, o helicóptero Pesca 1 de Salvamento Marítimo, as embarcacións María Pita e Salvamar Sargadelos de Salvamento, os Gardacostas e varias unidades da Garda Civil e de Protección Civil mantiveron durante horas un amplo operativo de procura para localizar ao quinto tripulante, o patrón do barco.

Finalmente, o seu cadáver foi localizado sobre as 12.20 horas polos mergulladores dos GEAS da Garda Civil nas inmediacións do pecio.

O patrón maior da confraría de Portonovo, José Antonio Gómez, explicou que unha embarcación de Marín que participaba nos labores de procura chocou coa quilla co barco afundido e foi sinalizado ata a chegada dos submarinistas. Unha vez que os submarinistas da Garda Civil lograron baixar á zona, descubriron que non estaba dentro, pero sobre as 12.20 horas finalmente foi localizado sen vida

Segundo indicaba, cando chocaron, non lles deu tempo a coller o chaleco salvavidas, pero si o aro. "Saltou do barco, colleu un aro salvavidas, ou lle pasaron o aro salvavidas, e a partir de aí xa non se sabe nada máis", indicaba xusto antes de que aparecese o cadáver.

Os cadáveres dos dous primeiros tripulantes falecidos foron trasladados pola Garda Civil ao porto de Combarro e os dous feridos recibiron asistencia médica. O que foi localizado na praia de Combarro, de 23 anos, tiña síntomas de hipotermia tras naufragar e nadar ata terra firme e do outro consta que está ferido.

RELATO DO ACCIDENTE

O responsable de Emerxencias do Concello de Poio, Manuel Vicente, explicou que o accidente se produciu sobre as 4.00 horas, pero ata as 5.30 horas non houbo alerta polo ocorrido. Segundo indicou, a maioría dos tripulantes estaban a durmir cando sentiron un forte golpe e empezou a entrar auga. O barco deu a volta e saltaron todos ao mar. Un deles chegou unha hora e media despois a nado á praia de Combarro. Trátase de Carlos Carballa Rosales. 

Aínda que a distancia entre o punto de naufraxio e a praia "non é moita", o mozo tardou "preto de hora e media" en chegar a terra "polo aire do norte que está pegando e o frío".

En declaracións aos medios no porto de Combarro, o patrón maior da confraría de Portonovo, José Antonio Gómez, explicou que o mar estaba en calma, pero facía moito vento, o que motivou que fixesen unha parada en Marín durante a madrugada. Dedícase á pesca do cerco e é un barco pequeno, duns 12 ou 13 metros de eslora, de modo que "non estaba a noite para eles para pescar fóra" e resgardáronse.

Cando xa volvían a terra "bateron cunha batea" na zona coñecida como A Brensa, a máis próxima a Tambo e "tentaron ir cara á praia", pero, na súa opinión, "equivocáronse aí". A tripulación "é experta", pero non puideron evitar o fatal desenlace.

O barco Nuevo Marcos xa tivera un naufraxio nos anos 2006 e 2007, con tan só once meses de diferenza, un deles na zona da Lanzada e outro na contorna da illa de Sálvora.