Tres novas empresas se instalan no polígono de Barro-Meis

Barro
06 de maio 2016

As empresas centrarán a súa actividade na construción e rehabilitación enerxética de edificios, na distribución de mercadorías perecedoiras e na comercialización de sal mariña

A presidenta da Deputación cos novos viveiristas
A presidenta da Deputación cos novos viveiristas / Deputación de Pontevedra

A presidenta da  Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá contratos con tres novas empresas que ocuparán unha oficina e dúas naves no viveiro do Polígono de Barro-Meis.

  • Certivedra Rehabilitación C.B. ocupará a oficina catro desde a que se encargará da elaboración de proxectos de construción e rehabilitación enerxética de edificios.
  • O empresario Avelino Tourís Carballo ocupará a nave oito desde a que comercializará sal mariña 100% sen aditivos.
  • Pola súa banda, Jorge Fontán Carballo ocupará a nave un e anunciou o seu interese en asinar un novo contrato para ampliar o espazo e asentarse noutra nave do polígono de Barro-Meis, desde as que se dedicará ó transporte e distribución de mercadorías perecedoiras por estrada.

 

Carmela Silva subliñou a importancia da firma destes convenios, que se están a producir semana a semana, "para impulsar a actividade económica e o emprego".

Neste contexto, a presidenta da Deputación de Pontevedra destacou o papel das persoas emprendedoras "xa que grazas ás súas iniciativas e valentía, estase a promover o desenvolvemento económico, creando postos de traballo e convertendo á provincia de Pontevedra nun referente en materia de innovación e competitividade".

O viveiro do Polígono de Barro-Meis conta con 1.857 metros cuadrados destinados á promoción económica da provincia de Pontevedra dotados de todos os servizos para facilitar a implantación de novas empresas a través de naves, oficinas, salas de xuntas e espazos de coworking.

Coa firma destes tres novos contratos, na actualidade o viveiro de Barro-Meis ten asentadas empresas en cinco oficinas e catro naves, o que supón unha ocupación do 21% das oficinas e o 25% das naves.