David Segade Cochón converteuse, por segundo ano consecutivo, no gañador do certame de carteis para a Feira Taurina das Festas da Peregrina deste verán de 2016.
O xurado, que contaba entre os seus integrantes coa presenza da xornalista Marisa Ciordia de PontevedraViva Radio, reuníase este xoves 16 e decidía que o traballo titulado 'Pontevedra por montera' obtivera o premio dotado con 500 euros e coa publicación do cartel para anunciar os festexos deste ano.
David Segade impúxose a outras tres obras finalistas presentadas por Mónica Regueira Luna baixo o título de 'Torero', a 'Morlaco', da pontevedresa Silvia González e a 'Negro como la noche', un cartel realizado por Concepción Expósito, unha artista natural de Pontevedra e residente en Cartaxena.
Nesta edición presentáronse 15 traballos, incrementándose os participantes respecto de 2015. O gañador, David Segade Cochón, é un autor natural de Pontevedra, que reside en Castro Urdiales, Cantabria.
Este concurso está organizado pola Coordinadora de Peñas Taurinas desde hai un ano co obxectivo de cambiar a imaxe da feira pontevedresa para ofrecer un deseño máis moderno. Desta forma, con estas obras de novos artistas téntase retirar o clásico cartel de tauromaquia co nome dos toureiros que participaban nos festexos.