Un condutor queda atrapado no desnivel da Avenida da Costa en Combarro tras chocar contra outro turismo

Poio
11 de decembro 2022

O condutor puido ser rescatado sen que sufrise lesións de gravidade e o condutor do outro vehículo implicado na colisión tiña lesións pero non de gravidade. As forzas de seguridade investigan as causas do accidente. O resultado das probas de sustancias estupefacientes ofreceron resultado negativo

Accidente na Avenida da Costa en Combarro Policía Local de Poio

A última hora da tarde deste domingo 11 rexistrábase unha colisión entre dous turismos na Avenida da Costa, na parroquia de Combarro, no municipio de Poio.

Segundo informa a Policía Local, debido ao impaco un dos vehículos saía da vía e precipitábase polo desnivel con perigo de caer en dirección á edificación dun almacén situada debaixo, na Avenida Regalado. 

O condutor do vehículo que caeu de forma vertical quedou atrapado ata que foi posible liberalo. O home non sufría lesións, mentres que o condutor do outro turismo implicado na colisión si sufría feridas leves.

O único ocupante do vehículo implicado saíu polo portón traseiro coa axuda dos membros dos Bombeiros e do GES de Sanxenxo, pero sen que fose necesario aplicar os equipos de excarceración, segundo informa o servizo do 112 Galicia.

Segundo as mesmas fontes, colaboraron os Bombeiros do Parque de Pontevedra, que tiveron que cortar o quitamedos para acceder ao coche; integrantes de Protección Civil de Poio; e o GES de Sanxenxo e efectivos do 061.

Investíganse as causas que provocaron o accidente. As probas de substancias estupefacientes ofreceron resultado negativo.