Un de cada cen vehículos rexistrados polo radar da Policía Local foi multado por velocidade

Pontevedra
11 de xaneiro 2018

Só 40 denuncias dos 3.856 vehículos que foron rexistrados. É o balance da campaña de control de velocidade que a Policía Local realizou co seu novo radar durante os días 28 de novembro e 8 de decembro. É un 1,03% de todos os coches contabilizados

Estrea do novo radar da Policía Local Mónica Patxot

40 denuncias dos 3.856 vehículos que foron rexistrados. É o balance da campaña de control de velocidade que a Policía Local realizou co seu novo radar durante os días 28 de novembro e 8 de decembro. É un 1,03% de todos os coches contabilizados.

Os controis de velocidade fixéronse en distintos puntos da cidade como San Amaro, Bos Aires, avenida de Lugo, avenida Montecelo, avenida Josefina Arruti, avenida de Marín, avenida das Corbaceiras ou avenida de Compostela.

As que rexistraron un maior número de denuncias foron a avenida de Josefina Arruti (11), limitada a 30 quilómetros por hora, e a avenida de Compostela (13) limitada a 50, onde se teñen rexistrado velocidades máximas de 69 e 88 quilómetros á hora, respectivamente.

O novo radar da Policía Local é un equipo Velolaser 1.0 que mide a velocidade de circulación e documenta por fotografía aqueles vehículos que superan o límite. Está deseñado para medir en modo estático ben sexa cun operador (trípode, soporte ou coche) ou de forma non atendida, é dicir, nunha cabina dun vehículo.

Consta de carcasa, cámara dixital de 5 megapíxeles, sensor láser, CPU e batería. Ademais, para manexalo disponse dunha tablet que se conecta mediante wifi a unha aplicación de control remoto. 

Esta nova ferramenta dálle autonomía á Policía Local, dado que nas campañas deste tipo que teñen desenvolvido no pasado, tivo que facer uso dun equipo prestado pola Dirección Xeral de Tráfico.