O Concello de Poio ofrecerá á veciñanza unha programación de Entroido diferente. Con motivo da situación sanitaria, desde a Concellería de Cultura, en colaboración coa Asociación de Empresarios EnPoio e a Asociación Cultural Ronsel, decidiron apostar por mesturar historia, concursos de disfraces virtuais e obradoiros de animación para así seguir disfrutando dunha das celebracións más tradicionais do municipio.
A edil delegada da área, a nacionalista Raquel Rodríguez, sinalou que "desgraciadamente a covid-19 aínda non nos permite recuperar ao 100% unha das celebracións máis emblemáticas e tradicionais do noso municipio, polo que apostamos por unha fórmula que mistura tradición e novas tecnoloxías, de cara a animar á cidadanía a disfrazarse e a gozar desta festa como merece, sempre de xeito seguro".
Para iso, o Concello habilitará en diferentes establecementos tanto comerciais como de hostalería unha mostra de fotos antigas. Coa colaboración de EnPoio, colocarán paneis e pósters nos que a cidadanía poderá rememorar edicións pasadas do Entroido grazas ás preto de 300 fotografías procedentes do arquivo municipal, que permanecerán expostas desde principios da vindeira semana ata o 14 de marzo. Trátase de instantáneas que, en moitos casos, remóntanse á década dos anos 80.
Como novidade con respecto ao ano pasado, Poio celebrará 'Seica na Seca... Hai Entroido!', unha xornada de obradoiros e animación musical, a cargo de Javi Solla, que terá lugar o domingo 27 de febreiro, en horario de tarde. Estará especialmente pensado para as familias e os máis pequenos. Para esta celebración, en caso de mal tempo habilitarán unha carpa na explanada na que primarán as medidas de aforo e seguridade.
Na fin de semana do 26 e 27 de febreiro, a Asociación EnPoio impulsará un certame de disfraces virtual para fomentar a celebración do Entroido "en cada familia e en cada fogar". Os tres mellores gozarán de premios en metálico para gastar en comercios asociados.
Finalmente, entre o 7 e o 12 de marzo a veciñanza poderá participar no Concurso de Viúv@s e Choqueir@s da Asociación Ronsel, que ofrecerá tres premios para os mellores disfraces nas categorías infantil, individual e familiar.
"Confiamos en que o vindeiro ano a situación volva á normalidade e nos permita volver gozar dunha festa tan arraigada no noso concello como realmente merece", conclúe Raquel Rodríguez.