Un 'mannequin challenge' na lonxa para promocionar a calidade da centola do Grove

O Salnés
06 de decembro 2016

O Grove está decidido a reivindicarse como o lugar de referencia para a centola, tanto no referido a extracción e venda como para a súa preparación e consumo. Así, o goberno municipal e a confraría de pescadores da vila ultiman unha campaña de promoción coa que difundir a calidade dos produtos que extraen do mar

'Mannequin challenge' na lonxa do Grove para promocionar a centola Concello de O Grove

O Grove está decidido a reivindicarse como o lugar de referencia para a centola, tanto no referido a extracción e venda como para a súa preparación e consumo. Así, o goberno municipal e a confraría de pescadores da vila ultiman unha campaña de promoción coa que difundir a calidade dos produtos que extraen do mar.

Así, unha das primeiras iniciativas é o vídeo elaborado na lonxa do Grove, onde os mariñeiros, vendedores e traballadores se prestaron a facer un mannequin challenge, un reto no que a xente sae representada como se foran manequíns dos escaparates dunha tenda. 

Ademais, editarase un material impreso que se elaborará a partires dunha proposta gráfica do humorista Luis Davila, coa fin de distribuílo durante o mes de decembro, incidindo na Centola do Grove como marca e animando a degustar este produto nos restaurantes do pobo.

O fito central serán unha nova edición, a decimoquinta, das Xornadas da Centola, que segundo destacou o alcalde, José Cacabelos, serven como punto de partida para redeseñar un evento que está chamado a ser a referencia do panorama gastronómico de outono en Galicia.

Tamén se procedeu a entregar a Centola de Prata aos mariñeiros, xa retirados, que teñen dedicado a súa vida ao mar. Neste caso foron tres irmáns, Antonio, Jacobo e Francisco Naveiro Montenegro, do Gran Solero, os que recibiron a distinción de mans do alcalde, recoñecendo a importancia das "xentes do mar" para a realidade do Grove.

As Xornadas da Centola manteñen tamén o Concurso de Centola Viva que se celebrará o vindeiro venres 9 de decembro ás 17.00 horas na lonxa, un evento verdadeiramente espectacular onde os mariñeiros do Grove aportan as pezas de maior tamaño.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora