Un poema para Conchi (e contra a violencia machista) no seu cabodano

Pontevedra
25 de outubro 2016

Un ano despois do seu asasinato, Concepción Reguera, 'Conchi' para os seus, segue moi presente na memoria dos seus familiares e amigos, pero tamén do resto da sociedade e, en concreto, do Colectivo Feminista de Pontevedra, que este luns leu na súa honra o poema 'La Jaula' de Alejandra Pizarnik  

Reunión de traballo do Colectivo Feminista de Pontevedra Colectivo Feminista de Pontevedra

Un ano despois do seu asasinato, Concepción Reguera, 'Conchi' para os seus, segue moi presente na memoria dos seus familiares e amigos, pero tamén do resto da sociedade e, en concreto, do Colectivo Feminista de Pontevedra. Esta vítima de violencia de xénero á que o seu verdugo cortoulle a vida con 38 anos foi a protagonista este luns da primeira reunión da nova asociación e os seus integrantes quixeron ler un poema para demostrar que o seu caso non caeu no esquecemento. 

O colectivo leu na súa honra o poema 'La Jaula' de Alejandra Pizarnik xusto no día no que se cumpre un ano daquel 24 de outubro de 2015 no que o seu crime conmocionou á parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio. E quixo lembrar a brutalidade da súa morte, pois a Conchi matouna o seu ex noivo e autor confeso do crime, José Antonio Lusquiños Bustelo, 'Coco', asestándolle 20 puñaladas.

Ademais do caso de Conchi, o colectivo quixo lembrar a todas as vítimas de violencia de xénero e que no ano 2015 oito mulleres faleceron como resultado desta lacra social, entre elas as dúas nenas de 4 e 9 anos ás que o seu pai asasinou o 31 de xullo de 2015 en Moraña.

Esas vítimas teñen nome e o colectivo quixo lembrar a identidade de cada  unha delas para que as súas mortes non caian no esquecemento: Conchi Reguera, Beatriz Rodríguez, Divina Mendes, Silvina de Oliveira, María José Rodríguez, Marina R.B. e as pequenas Amaia e Candela.

Son "son algo máis que números nas estatísticas" e o Colectivo Feminista Pontevedra lembra que "cada vítima da violencia machista é un fracaso global dun sistema no que a igualdade entre mulleres e homes é só unha quimera".