Un total de 43 empresas de Sanxenxo recibirán os diplomas e distintivos de calidade

Sanxenxo
06 de abril 2016

O alcalde, xunto á secretaria de Estado e á directora de Turismo de Galicia, entregará tamén os premios "Sanxenxo, Calidade Turística"

Madama de Silgar

O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, presidirá o luns a entrega de distintivos do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino ás 17 empresas que lograron o selo nesta edición, así como ás 26 firmas que renovaron o galardón bianual.

A secretaria de Estado de Turismo no Goberno de España, Isabel Borrero; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e o deputado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor acompañarán ao alcalde no acto de entrega destes distintivos.

Coas novas incorporacións son xa 113 os galardóns conseguidos neste concello e que o converten no municipio de Galicia con maior número de certificacións SICTED.

A entrega dos diplomas terá lugar nun acto, presidido polo alcalde, que se desenvolverá o luns día 11 ás 12.45 horas na Sala Nauta.

"Que a marca Sanxenxo vaia unida á calidade é imprescindible dado que a diferenza entre destinos que contan cunha oferta das mesmas características estriba precisamente na calidade dos seus servizos e produtos turísticos", subliñou o concelleiro desta área, Jesús Sueiro.