As actividades de Ponte Xogos regresan este ano, tal e como xa se anunciara, polo Nadal. De momento, a Concellaría de Promoción e Turismo de Pontevedra non deu a coñecer todas as actividades, para que se manteña o factor sorpresa, pero si que vai dando a coñecer algúns detalles do que espera aos máis pequenos da casa para celebrar as festas. Dúas das principais novidades será, a maiores das actividades repartidas polas parroquias que xa anunciaran, a posta en marcha dun tren de Nadal e unha canle de televisión propia.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, presentou a iniciativa acompañada polos coordinadores do programa, Leticia García e David Álvarez, e insistiu en facer unha chamada á concienciación da poboación para evitar as aglomeracións. Ademais, asegurou que en todas as actividades que se organicen vanse garantir todas as medidas de prevención e seguridade.
A programación final dependerá, en moitos aspectos, das restricións que aproben as autoridades sanitarias en función da evolución da pandemia, pero se unha parte se manterá será a Ponte Xogos TV. Porase en marcha un punto de información na Praza de España e desde todas as casas poderá seguirse a programación a través da web da actividade.
A iniciativa botará a andar o día 18 de decembro e desenvolverase en distintas datas ata o 5 de xaneiro. A carpa informativa, o photocall que se vai instalar na praza de España e a oficina postal de Papá Noel e os Reis Magos que estará na praza do Teucro estarán durante todos os días da programación, agás o 25 de decembro e o 1 de xaneiro, de 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas.
O tren de Nadal terá o mesmo horario para percorrer a cidade. Terá limitacións de ocupación para evitar aglomeracións e, para usalo, só será necesario entregar un tícket de compra do comercio local.
Nas fins de semana as actividades chegarán aos barrios e parroquias en horario de 16.00 a 19.00 horas. A primeira parada será San Andrés de Xeve cun taller da bola de cristal de Nadal o sábado 19 de decembro. A Cerponzóns a actividade chegará o sábado 26 de decembro cunha actividade de bonecos de neve e no caso de Ponte Sampaio o sábado 2 de xaneiro haberá un obradoiro de creación de marionetas.
Ademais, organizaranse roteiros fotográficos e a actividade Nadal sobre Rodas, un circuíto vial con bicicleta, patinete ou patíns. Os detalles do seu funcionamento dependerán das restricións derivadas da situación sanitaria.
Nos vindeiros días iranse revelando algunhas sorpresas en torno ás actividades da canle de televisión, que, segundo explicou David Álvarez, seguirá a filosofía de que os nenos e nenas que non poden ir á carpa de anos anteriores pola situación de pandemia poidan ter actividades dende a casa, coa seguridade dos seus pais, evitando posibles aglomeracións de xente e cun formato dixital.