Un vídeo promocional marca o inicio da campaña de Nadal no comercio local

Pontevedra
14 de decembro 2021

A peza audiovisual destaca o atractivo que supón para os clientes realizar as súas compras no centro da cidade. Os realizadores son Alex Mosteiro e Emi Ramírez. O vídeo, que ten unha duración próxima aos cinco minutos, foi gravado ao longo do mes de novembro

Fotograma do vídeo promocional da campaña de Nadal do comercio local de Pontevedra PontevedraViva

Pontevedra acaba de estrear un vídeo que ten como obxectivo promocionar o comercio local para a campaña do Nadal.

Esta iniciativa, apoiada pola concellería de Promoción Económica, non se centra en dar visibilidade ás tendas, senón en todo o que conleva realizar compras no comercio local.

"Podes atopar xente que hai tempo que non ves, tomar un cafe nunha terraza, pasear ou facer fotos en zonas turísticas, e onde tes unha gran seleccion de todo tipo de comercios", explican os realizadores desta peza audiovisual, Alex Mosteiro e Emi Ramírez.

O vídeo, que ten unha duración próxima aos cinco minutos, foi gravado ao longo do mes de novembro. Está protagonizado por tres actrices e un actor que mostran o lado máis amable e divertido do comercio a pé de rúa.

A banda sonora da campaña é obra de Gustavo Almeida.